lunes. 25.05.2020 |
El tiempo
lunes. 25.05.2020
El tiempo

Quince anos sen o poeta Manuel María

Manuel María e Saleta Goi. FUNDACIÓN MANUEL MARÍA
Manuel María e Saleta Goi. FUNDACIÓN MANUEL MARÍA
Saleta Goi recorda a súa vida co poeta: "Teño a impresión de que seguimos xuntos"

Houbo unha nena de 8 anos en Reigosa (A Pastoriza) que non podía parar de ler as aventuras de El Quijote. Manuel María atopouse con ela nos anos 50, cando xa era unha moza, na terraza do Méndez en Lugo. Foi ese mesmo día cando o escritor se namorou dela, de Saleta Goi. Este domingo cúmprense quince anos do pasamento do poeta da Terra Chá. "Para min, aínda estamos xuntos", di a que foi a súa compañeira ao longo de toda unha vida. 

"Ambulante" –pola morea de sitios nos que viviu– e nada "políticamente correcta", así se define. Ri tanto como muda de tema de conversa e, iso si, remata toda historia canta comeza. Aos seus 87 anos, Saleta ten unha memoria viva e feliz. 

Recorda ver na súa casa a primeira edición do Terra Cha de Manuel María. Mercárao seu pai polo prólogo de Ánxel Fole. "Había un señor que andaba gañando a vida vendendo cachivaches, era de tendencia republicana e debeu ser perseguido. Cando enfermou, meu pai traballou para metelo no hospital. Fole fai referencia no prólogo ao home da Pasoriza que mirou polo chiquito", conta. Foi así como Saleta coñeceu o nome do poeta. 

A súa obra continúa viva grazas á labor realizada dende a fundación e ao traballo da que foi a súa compañeira de vida

A cara xa lle era familiar, só lle faltaba asociar ambas cousas. Os mozos e mozas da provincia frecuentaban a Rúa da Raíña de Lugo, mentres paseaban polos soportais aproveitaban para mirarse de reollo. 

Nunha tarde, Saleta e a irmá de Tino Grandío cansaron de camiñar e sentaron na terraza do Méndez. "Manuel díxonos se podía pasar e sentouse alí. Eu pensaba que viña pola Grandío, pero cando nos despedimos xa me levou á casa, en fronte do que era o Metropol", recorda. 

Dende esa tarde, a vida de Manuel e Saleta foi sempre á par. "A partir dese día no que nos coñecemos, empezoume a escribir cartas. Eu namoreime antes desas cartas que do señor. Eran moi bonitas". Tamén lle fixo un dos primeiros poemas, que publicou na revista Papeles de Son Armadans. Entre unha cousa e outra, o Manuel xa lle ía entrando polo ollo. 

"A partir do día no que nos coñecemos, empezoume a escribir cartas. Eu namoreime antes desas cartas que do señor. Eran moi bonitas", recorda Saleta

"Manuel foi en bicicleta dende Outeiro de Rei ata Reigosa para verme, que aínda che hai un bo cacho", recorda Saleta. E así estiveron ata as festas de Outeiro de Castro de Rei. "Ese día dixemos que xa estaba todo claro e acabouse, empezamos a ter unha relación. Foi no principio de 1956 e despois estivemos sempre xuntos. Ata o final. E aínda o estamos, porque a min dáme a impresión de que non faleceu". 

Saleta é incansable. Gran lectora, asidua ás salas de cine e amante das boas conversas. Dende o pasamento de Manuel, dedicou boa parte do seu tempo a traballar coa fundación Manuel María. "Ese espazo que hai cando che falta a persoa que queres é terrible. Pero empezouse coa fundación e estiveron traballando ano e pico aquí fichando as súas cousas e, como tiña que estar en todo, creo que pasei ese tránsito de forma máis liviá". 

Para ela, o traballo que fixo e segue facendo a fundación é fundamental. É o que permite "levar a obra ao que el quería", que pasa pola "defensa do país" e por transmitir "unha ética, que el levou durante toda a vida". "Manuel quedou vivo coa fundación. Se non existira, non habería todo o demais", explica Saleta. 

"Non só é importante como creador, tamén como home bo e xeneroso que entregou a súa vida para descubrir os finais do noso pobo", comenta Alfonso Blanco

A parte humana non se pode separar da obra. Para Saleta, a ética é un elemento presente en toda a creación e vida do escritor. "El era fillo do alcalde de Outeiro de Rei, era dunha casa forte na que había criados. Cando chegou á escola, non asumía que non lle falaran do seu idioma". 

Na mesma liña, Alfonso Blanco, presidente da Irmandade Manuel María, fala da "xenerosidade que tiña co noso futuro". "Manuel non só é importante como creador, tamén como home bo e xeneroso que entregou a súa vida para descubrir os finais do noso pobo", explica. Coñécese pola poesía, pero Blanco recorda que "foi ensaista, transmitiu a historia de Galicia en varios libros a través do teatro, da narrativa... É un escritor moi completo". 

A defensa da lingua e da identidade súmanse á preocupación pola morte e ao panteísmo como os elementos centrais da obra de Manuel María. Esa "casa forte" na que se criou era "moi relixiosa". El medrou co seu tío cura co que "se quería, pero non se entendía". 

"Manuel foi en bicicleta dende Outeiro de Rei ata Reigosa (A Pastoriza) para verme, que aínda che hai un bo cacho", conta a súa viúva

Sendo un mozo, "un coche matoulle ao irmá máis novo, que debía querer moito". Foi nese intre cando o poeta tivo un "choque relixioso tremendo". Dese desencontro pasou ao "panteísmo", que está en toda a súa obra. "Algún cura ata di que era algo relixioso", di Saleta mentras se ri. Aproveita para explicar que "a Igrexa é unha cousa e Cristo é outra", que ata ten tintes "comunistas" na súa forma de vida. 

"Cantáballe ao país noso, iso si que está claro", continúa debullando temas. A primeira vez que pecharon a súa librería Xistral en Monforte para ir de vacacións fixérono cun chisco de medo. Comprobaron que non pasaba nada e afixéronse a poñer o cartel de "pechado de tal a tal día". "Para viaxar sempre estabamos de acordo. Fomos a Israel, a Holanda, a Grecia... E el sempre comparaba todo con Galiza. O Manuel era moi galego". 

E tamén era moi apegado á Terra Chá. "A súa obra non se concibe sen a paisaxe da Terra Chá. El cantou á paisaxe e mesmo proxectou a súa vida e a creación en espazos como Campo de Santa Sabela, Penas de Rodas...", sinala Alfonso Blanco, que recorda que "el sempre dicía: Eu quero ser lembrado coma un penedo ou coma un carballo". 

"El cantou á paisaxe e mesmo proxectou a súa vida e a creación en espazos como Campo de Santa Sabela ou Penas de Rodas", menciona Alfonso Blanco

E, por suposto, nos seus poemas non podía faltar a presencia de Saleta. "É posible que algo eu tamén incidira nel. Un creador ten máis fantasía, eu sempre tiven os pés na terra... Hai un equilibrio que quizais sexa onde está a boa convivencia". 

Se Manuel María era o outono, Saleta Goi era a primavera. "A el non lle gustaba a calor, tiña máis creación coa chegada do outono. A min gústame a primavera e o verán, neste tempo póñome algo máis melancólica, que non o son moito. Máis ben, son optimista", conta Saleta. Será por iso que o poeta escribeu estes versos: "Cando Saleta entrou por primeira vez/ (...) abríronse, por si, todas as portas/ e emocionáronse o cedro e a nogueira". Así, a historia destes mozos da terraza do Méndez está gardada na obra de Manuel María e vivirá mil primaveras máis.

Cabodano de Manuel María, este domingo en Outeiro
A Irmandade Manuel María e Xermolos celebran a Memoria da Chaira enteia, unha Wcelebarción de irmandadeW polo pasamento do poeta, conta o presidente Alfonso Blanco.

Xantar e recital
O acto arranca ás 15.00 horas cun xantar no río Ladra e despois, en Penas de Rodas, recital de poesía e música.

Rosas
Pola tarde, ás 18.00 horas, depositáranse rosas no "seu sartego, cubríndoo totalmente de frores".

Navalla
No Campo de Santa Sabela, ás 18.30 horas, haberá un convite "a base de viño, pan e queixo do país". Para finalizar, entregarase a navalla de Manuel María a Xosé Estévez, "amigo co que percorreu Monforte, Quiroga e Euskal Herria", así como a Xabier P. Docampo de xeito postumo.

Quince anos sen o poeta Manuel María
Comentarios