martes. 11.08.2020 |
El tiempo
martes. 11.08.2020
El tiempo

Ricardo Polín: "Hai que manter viva a cultura labrega e a microtoponimia"

Ricardo Polín, historiador originario de Castroverde. CRISTINA ARIAS
Ricardo Polín, historiador originario de Castroverde. CRISTINA ARIAS
Foi nomeado cronista oficial de Castroverde. Na actualidade traballa nunha guía literaria sobre o patrimonio inmaterial do camiño primitivo e a dixitalización da súa colección de fotografías da cultura campesiña no concello

O FILÓLOGO e historiador Ricardo Polín agradece á corporación a súa designación como cronista oficial "porque reflicte o seu interese de pór en valor un municipio con fondas raíces históricas. Sen ir máis lonxe, no 2018 vivimos unha data representativa, como foi o 600 aniversario da creación do señorío xurisdicional da Terra de Castroverde, en pleno medievo".

Que proxectos promoverá desde este cargo honorífico?

Este  recoñecemento  implica  a responsabilidade de afondar nesa historia e de traballar para a posta en valor do patrimonio. Sempre procurei estudar o noso  pasado no contexto do interior galego. A iniciativa da que me sinto máis orgulloso é a promoción do Camiño Primitivo, que comecei hai máis de 30 anos, cando ninguén cría nesta ruta medieval, pese a ser unha das máis importantes do noso país. Era un proxecto de defensa dun valor cultural, pero a tarefa non foi sempre grata, aínda que mereceu a pena. Atopei moita falta  de compresión, algo que agora parece un paradoxo, despois de que esta ruta primixenia fose declarada Patrimonio da Humanidade. Como cronista seguirei con esta teima. A xente nova debe ser consciente de que o Camiño non sempre tivo a proxección que ten na actualidade e debe defender o traballo colectivo que permitiu acadar este importante logro.

Traballa nalgunha iniciativa de promoción do Camiño Primitivo?

Escribo unha guía literaria da cultura inmaterial desta ruta desde Oviedo a Santiago, a través das lendas, os símbolos e os rituais do camiñante ao longo dos séculos. Recollo testemuños de xente xa falecida sobre as pedras, os  lugares ou as pontes deste traxecto xacobeo. A publicación tamén incluirá debuxos ilustrativos. As administracións e as asociacións incidimos moito nos valores turísticos do Camiño, pero cometemos o erro de deixar en segundo  plano o seu valor cultural e espiritual, esa viaxe ao fin do mundo polo  camiño das estrelas, que constitúe a súa verdadeira identidade.

"Incidimos nos valores turísticos do Camiño, pero deixamos no segundo plano o seu valor cultural e espiritual, a súa identidade"

Como ve o seu estado ao paso por Castroverde?

Con  preocupación, sobre todo polo fraude do cambio do trazado da ruta cara ao centro da vila, que deixa a un lado o itinerario medieval, que pasaba polas inmediacións do castelo. Debemos rectificar este erro.

E no ámbito estritamente local, está a facer algún estudo?

Desde os 18 anos dediqueime a fotografar as mostras dunha cultura labrega e dun patrimonio en  vías  de  extinción. Estou a rematar a dixitalización e documentación desa valiosa colección de fotos,  froito dun longo traballo feito hai 25 ou 30 anos. Nel recollo, por exemplo, un bo número de hórreos, dos que hoxe non quedan nin o 5%. É preciso manter viva esa cultura en toda a súa extensión, incluída a toponimia e a microtoponimia tradicional, os camiños vellos e todo un xeito de vida. 

Tamén publicou o libro ‘A fortaleza medieval de Castro Verde’, na que recupera a historia do principal símbolo histórico do municipio...

O castelo, erixido sobre un castro que dá orixe ao topónimo do concello, é  un  emblema  moi vencellado a outro dos nosos monumentos, como é a igrexa de Santa María de Vilabade. O señorío das Terras de Castroverde, chamado  tamén  noutra  época Terras de Luaces, gobernaba desde esa fortaleza un amplo territorio que chegaba ata Meira. A fortaleza atópase nun estado precario, polo que é necesario seguir traballando para a súa rehabilitación

Vostede promoveu unha edición facsímile de Benito Vicetto ambientada no castelo...

Foi a primeira novela histórica de Vicetto, escrita en 1844 e ambientada no 1650, coa fortaleza como escenario. É un texto fermoso, que escribiu con 16 anos. Foi o prólogo da prolífica obra deste precursor do galeguismo.

Terá como referente no seu labor de cronista algún predecesor?

A Rogelio Reigosa, un relixioso que publicou artigos en El Progreso entre 1940 e os anos 70, cando morreu nun accidente. Foi cronista honorario e desenvolveu un gran traballo como investigador e educador.

Ricardo Polín: "Hai que manter viva a cultura labrega e a...
Comentarios