Rábade será capital estatal do futbolín co Máster, que volve o 14, 15 e 16 de abril

O prazo de inscrición xa está aberto, e os interesados poderán formalizala a través de calquera das redes sociais de Bóla Meiga, ou ben no teléfono 626.54.25.51
Máster de Futbolín de Rábade. J.VÁZQUEZ
photo_camera Imaxe de arquivo dunha das edicións do Máster de Futbolín de Rábade. J.VÁZQUEZ

Rábade converterase un ano máis na capital estatal do futbolín os vindeiros 14, 15 e 16 de abril, co seu Máster de Futbolín, que cumpre 23 edicións. "Celebrariamos o noso 25 aniversario, pero tivemos que suspender a cita dous anos polo covid", comenta Lolo Candal, un dos impulsores desta iniciativa.

O prazo de inscrición xa está aberto, e os interesados poderán formalizala a través de calquera das redes sociais de Bóla Meiga, ou ben no teléfono 626.54.25.51. O prezo é de 25 euros e dá acceso a calquera das modalidades: parado, movemento, combinada, feminina e infantil. Aclara Candal que "por suposto, calquera muller pode competir noutras modalidades", comenta.

Na última edición, a do 2019, chegaron a participar máis de 500 xogadores. Este ano o Concello agarda que os números reborden esa cifra, xa que agora mesmo son máis de 200 persoas as inscritas, todas de fóra. "Menos de Canarias e de Navarra, temos participantes de todas as comunidades", indica mentres trata de xestionar as poucas prazas hostaleiras que quedan no concello. Matiza que os participantes galegos acostuman incribirse dez días antes.

A presentación oficial será o día 13 de abril, e ás 15.00 horas dese mesmo día pecharase o prazo de inscricións e sortearanse os equipos. Ao día seguinte comezará a modalidade combinada. O venres pola mañá celebrarase a modalidade parada, e pola tarde a feminina. Finalizará esta cita o sábado coa modalidade en movemento, e coas finais, ás 21.00 horas.

Na cita repartiranse un total de 10.000 euros en premios, con trofeos coa bóla ardente característica do Máster de Futbolín. Tamén haberá camisetas para todos os participantes dunha cita que "ao longo dos anos converteuse nunha gran festa", di Candal.

Comentarios