Rábade, Outeiro e Begonte proxectan a creación dun conservatorio musical

O centro, que xestionaría Músico Crisanto, sería pioneiro en ofrecer na provincia un grao medio de formación artística dende o rural
Concerto da banda de música Sons e Soños, integrada por alumnado de Rábade, Outeiro de Rei e Begonte. EP
photo_camera Concerto da banda de música Sons e Soños, integrada por alumnado de Rábade, Outeiro de Rei e Begonte. EP

"Coidadiño se ves que me paso de romántico", indica Armando Morales, director das escolas de música mancomunadas de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei. Se xa hai sete anos a asociación da que é vogal, Músico Crisanto, foi pioneira por compartir os recursos educativos musicais entre os tres concellos, agora queren dar un paso máis para crear o primeiro conservatorio de grao medio na provincia, o primeiro que viría ofrecer ensinanzas artísticas regradas dende o rural en Lugo, e que só tería o un precedente galego en Valga (Pontevedra). 

O proxecto leva varios anos xestándose, e os trámites para levalo a cabo están avanzados, asegura Morales, dende que o ano pasado a Xunta de Galicia comprometeuse a destinar 360.000 euros á compra do edificio que lle daría sede. Para isto, a asociación e os alcaldes barallan rehabilitar ou remodelar algunhas das instalacións das que xa dispoñen, ou ben comprar outro inmoble, que serviría de sede despois de acondicionalo con sala de audicións, auditorio e todos os requerimentos que esixe a Xunta de Galicia para recoñecelo como centro autorizado. 

Nos 12 anos que Armando Morales e os seus compañeiros levan vendo crecer aos alumnos, déronse conta de que hai "un número crecente de alumnado con interese xenuíno na música", comenta Morales. Por outro lado, os 23 profesores que imparten aulas no centro son titulados —"algúns deles con varias titulacións", matiza—, polo que xa cumprirían os requisitos que esixe este tipo de centro de ensino. 

O conservatorio non substituiría as escolas de música; sería o seu complemento perfecto

"Se nós xa fixemos unha aposta pola excelencia, a especialización e a calidade, e os nosos alumnos están estudando neses parámetros, conseguir recoñecemento académico polos seus estudos sería unha moi boa oportunidade para eles", comenta Morales. 

O conservatorio, non obstante, non substituiría as escolas de música, todo o contrario. Viría ser o seu complemento perfecto. "O noso soño é facilitar a vida dos alumnos, darlles todas as opcións posibles. Algúns queren asumir a carga horaria que implica o conservatorio nalgún momento, pero se cadra noutro non poden. Do mesmo xeito, cando rematen poden seguir estudando na escola. O ideal é que haxa un camiño de ida e volta entre escolas e conservatorio, para que todo o mundo atope o seu lugar na música. Adaptarnos a eles. Nacemos con esa vocacion", afirma. 

E eles son preto de 300 alumnos, que agora mesmo están encantados de que o seu profesor e director sexa un romántico.

Comentarios