Se eu fose alcalde...

"Quero dotar ao Corgo de vivendas sociais, unha nova casa consistorial, unha residencia da terceira idade e unha pista de pádel"

Felipe Labrada Reija. EP
photo_camera Felipe Labrada Reija. EP
Felipe Labrada Reija
​Candidato do PP no Corgo
Idade: 62 anos
Lugar de nacemento: O Corgo
Primeiro ano como candidato: 1987
Afeccións: Pasar tempo coa familia


Un vello e popular dito asegura que "a veteranía é un grao". Se é así, Felipe Labrada Reija afronta o reto de revalidar a alcaldía do Corgo, encabezando a lista do PP, cos galóns municipais que dá ocupar escano no Concello dende 1987, ser tenente de alcalde e, no último mandato, alcalde.

Felipe Labrada (O Corgo, 1959) mostra un balance do traballo destes anos na alcaldía que reflicte unha xestión eficaz e que, á vez, configura en parte os obxectivos para o próximo mandato. E sempre coa vontade de diálogo como guía nas relacións cos outros grupos políticos e a decisión de mellorar continuamente a transparencia na xestión municipal. De feito, destaca que, nestes anos na alcaldía, pese a gobernar en minoría, conseguiu aprobar os orzamentos e sacar adiante modificacións de créditos, incluso por unanimidade nalgúns casos. Nun resumo dalgúns dos seus obxectivos para o próximo mandato di: "Quero dotar ao Corgo de vivendas sociais, unha nova casa consistorial, unha residencia da terceira idade e unha pista de pádel". Labrada está casado e ten un fillo.

O aspirante popular ten que poñer necesariamente un ollo no retrovisor cando mira adiante, aos próximos catro anos, porque no mandato que termina deu pasos fundamentais para dotar ao seu concello de novos servizos, equipamentos e opcións para incrementar as visitas turísticas. Explica que o Concello adquiriu o castro de Castrillón (18.000 metros cadrados), un terreo polo que pasa a Vía Künig e coa igrexa no medio. É unha adquisición moi relevante, como explica: "Isto vainos axudar a promocionar a Vía Künig, que é o futuro do turismo para O Corgo; traballamos xunto cos outros concellos que forman a asociación deste camiño".

As adquisicións de terreos marcaron no Corgo o mandato municipal que está próximo a rematar. Labrada lembra que o Concello mercou unha parcela no entorno do centro médico, na que quere levantar a nova Casa Consistorial. Igualmente, o Concello comprou a antiga Cámara Agraria, que se rehabilitará para acoller os servizos sociais.

Entre as adquisicións efectuadas polo Concello está tamén unha nave de 600 metros cadrados que ten ao lado unha finca de 50.000 metros cadrados. Este terreo é parte principal dos obxectivos de Labrada para o próximo mandato, se logra de novo á alcaldía. E non é proxecto pouco ambicioso, porque pretende crear dotacións, a construción de vivendas sociais, unha residencia da terceira idade e un área para autocaravanas.

O candidato popular destaca a creación de emprego como un dos seus obxectivos fundamentais. Considera imprescindible desenvolver unha nova fase do polígono industrial, para o que na actualidade se levan a cabo as tarefas para a adquisición de terreos e, ao mesmo tempo, xestiónase a instalación da liña eléctrica necesaria para atender a demanda eléctrica do parque empresarial unha vez ampliado. Na mesma liña de promover as condicións adecuadas para o fomento do emprego, o Concello dispón dun viveiro de empresas nunha das naves do polígono industrial.

Os servizos sociais son prestacións fundamentais nos concellos

O Corgo conta con SAF e ten un centro de día. No mandato que remata entrou en servizo o Punto de Atención á Infancia (PAI), que ten cubertas as 20 prazas dispoñibles; conta tamén con Casa Niño, con servizo de Madrugadores e proximamente terá o Servizo de Atención Temperá, en colaboración cos concellos de Baleira e Castroverde.

O Corgo ten un club fluvial que é amplamente utilizado non só polos veciños deste concello senón tamén doutros do entorno, incluído o da capital. Conta con local de hostalería, atendido mediante concesión municipal.

Un dos ámbitos nos que o Concello traballou con eficacia nestes últimos catro anos foi o da cultura. Mostra palpable disto é o Punto de Atención á Lectura, instalado nas rehabilitadas antigas escolas, que ofrecen hoxe un marco moi agradable para o desenvolvemento de numerosas actividades culturais. O Concello colabora co Centro de Estudos do Corgo na publicación da revista A Corga, que xa chegou ao número 9.

En canto ao deporte, O Corgo conta con boas infraestruturas deportivas, que se verán melloradas e ampliadas no próximo mandato, segundo indica Labrada, no caso de seguir na alcaldía. Nesta liña explica que hai campo de fútbol e levouse a cabo a construción da pista multifuncional, que é utilizada polo colexio en horario lectivo e de uso libre fóra do tempo escolar. Entre os obxectivos de Labrada está a renovación da cuberta do pavillón e dotalo de gradas. No terreo deportivo, Labrada pretende acometer a construción dunha pista de pádel e dotar ao municipio dun ximnasio. Das actividades deportivas, o aspirante popular a repetir na alcaldía destaca a carreira popular de outubro, con saída da praia fluvial, e a que, xeralmente en agosto, sae de Baralla e chega ao castro de Castrillón, organizada en colaboración co Concello de Baralla.

No mandato que está a punto de rematar, o Concello adquiriu un punto limpo móbil, o que mellora a calidade do servizo de recollida de lixo, e, polo tanto, como indica Labrada, ten unha repercusión positiva no coidado do medio ambiente.

O Corgo
Infraestruturas
Avance na mellora de estradas municipais
O candidato do PP á alcaldía do Corgo, e actual alcalde popular, Felipe Labrada, quere que o próximo mandato sexa o de rematar as melloras na pavimentación da rede municipal de estradas. En canto ao mantemento, destaca que ten que ser algo continuo, para evitar o seu deterioro, co que iso supón de incomodidade para o uso e de necesidade de maiores gastos. No mandato que remata, o Concello acometeu a mellora da metade da rede viaria, unha parte mediante rego asfáltico e outra con aglomerado en quente. Labrada móstrase satisfeito de que a economía do Concello estea saneada e en boas condicións para poder avanzar na ampliación de servizos e dotacións.