"Para que o concello medre hai que atraer investimentos privados"

O friolés José Ángel Santos (PP) non é un rexedor ao uso, centrado só na xestión dos recursos públicos. Tamén se centra dun xeito especial na implantación de empresas para "darlle un pulo ao concello". Compatibiliza a alcaldía co seu traballo como gandeiro, porque entende que "a política é unha etapa e debes ter un oficio para o teu sustento".
José Ángel Santos. XESÚS PONTE
photo_camera José Ángel Santos. XESÚS PONTE

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, non só acada amplas maiorías. Tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como a presidenta lucense, Elena Candia, puxérono como referencia dos rexedores galegos do PP no recente congreso da agrupación friolesa. «Se cadra o eloxio débese a que teño boa sintonía con eles, pero o mérito é de todo o equipo, tanto o que conforma o goberno como o que traballa arredor do comité local», afirma Santos.

¿Cal é o segredo da fórmula Friol?

Facemos unha política de proximidade, con humildade, buscando chegar aos veciños e atender as súas necesidades. Esta filosofía de traballo é perfectamente aplicable a outros municipios rurais, especialmente onde non gobernamos. É o modelo de traballo que nos levou a gañar as eleccións locais en Friol durante 35 anos.

Pero cada vez resulta máis complicado formar eses grupos de traballo e que a xente se implique en política?

A base da xestión é formar un equipo con estrutura piramidal e ir renovando pezas. Un alcalde ou un concelleiro non poden chegar a todo o mundo, pero se contas cun grupo de colaboradores que cobre as distintas parroquias sabes de primeira man as demandas da xente, coñeces polo miúdo as súas necesidades. A partir de aí hai que facer renovacións consensuadas, sen esquecernos do pasado, da xente con experiencia. En Friol fixemos un grupo amplo compacto, que se reflicte na executiva e conéctanos ao día a día para acadar os obxectivos fixados.

Mellorou as xa elevadas porcentaxes de voto do seu predecesor na alcaldía de Friol, Antonio Muíña. Teñen agora unha relación máis distante?

Non. Foi o meu pai político. Débolle moito. A relación non é diaria, como cando eu era o seu tenente de alcalde, pero levámonos ben. Os seus logros son indiscutibles. Hai un antes e un despois no Concello de Friol a raíz do paso de Muíña pola alcaldía. Trato de darlle continuidade a ese labor, ás veces facendo cousas de xeito distinto, pero que tamén dá resultado. Non hai afastamento entre nós e, de feito, aínda que non puido participar no congreso local por razóns de saúde, Muíña remitiu unha carta para os asistentes.

A política municipal é ingrata. Non sente vostede esa sensación?

É certo que provoca desgaste, pero tamén dá satisfaccións. Unha das claves para funcionar con efectividade é manter o dinamismo e incorporar xente moza que aprenda dos máis veteranos. Así sempre será posible que saia un bo político de Friol. Cando me presentei no 2015 renovamos un 38% da candidatura e a media de idade baixou a 41 años. No ano 2019, a media pasou a 38 anos e cambiamos un 51% da lista.

Ten fama de verso ceibo no seu partido. Mesmo criticou ao anterior conselleiro de Política Social e, recentemente, ao de Medio Rural. Pasáronlle factura eses ataques?

Non, ao contrario. Sempre dixen que o meu equipo antepón as necesidades dos veciños de Friol a outras consideracións e así o seguiremos facendo. O exconsellerio de Política Social, José Manuel Rey, sostivo no seu día que non se daban as circunstancias para executar un proxecto que tiña comprometido en Friol, pero ao final deunos a razón e fíxose nos prazos estimados. Co conselleiro de Medio Rural o argumento foi o mesmo. A concentración parcelaria de Seoane estaba pendente desde 2007 e esiximos que se aprobase un decreto para desenvolvela. Tamén pedín que o financiamento das aldeas modelo, que non nego que terán un impacto positivo en determinadas áreas, non supuxese unha redución de fondos no Plan Marco, que é unha das principais ferramentas para arranxar os accesos a explotacións.

Pódese vivir no rural e do rural?

Por suposto. Friol é un exemplo. Fomos o municipio da provincia que máis xente moza incorporou sector primario por cuarto ano consecutivo. Os novos quedan aquí para modernizar a explotación familiar. Tamén está a medrar o censo desde hai tres anos, grazas en parte ás políticas sociais e de conciliación, pero tamén porque Friol é un concello atractivo para investir, con servizos municipais renovados e bonificacións para a implantación de empresas.

Pon vostede un especial empeño en crear tecido industrial?

O labor dun alcalde non debe limitarse a sacarlle partido ás axudas das administracións e á xestión dos recursos públicos. Para medrar non basta co Diario Oficial de Galicia (DOG). Os fondos públicos axudan, pero hai que atraer investimento privado como vía para xerar novos recursos, emprego e poboación. O ano 2022 será un exercicio moi interesante, no que se pode concretar a instalación de empresas que contribuirán a que Friol dea un salto importante. No ámbito público tamén teremos un investimento de calado da Consellería de Política Social para un proxecto asistencial innovador.

Compaxina vostede o seu traballo de gandeiro coa xestión pública.

Vexo a política como unha etapa e non creo que a miña estea moi lonxe de finalizar. Ter outra actividade, outro sustento, é fundamental. Comecei en 2007 como concelleiro e asumín a alcaldía no 2015. A miña andaina pública rematará cando vexa feito o proxecto que teño na miña cabeza para Friol e neste mandato confío en plasmar importantes avances. Un político local non pode vivir da xestión pública, debe ter un oficio que lle sirva de sostén económico. Non entendo a política como unha forma de vida, senón un período temporal de servizo. Respecto os compañeiros que son políticos profesionais, pero ao compatibilizar a actividade pública coa privada ves as cousas doutro xeito.

Pero os gandeiros, coma vostede, viven un momento complicado...

A gandería de leite e a de carne están moi castigadas polo incremento dos custos de produción. O Goberno central debe buscar unha fórmula legal para frear a suba da materia prima, que vai en beneficio de grandes fondos de investimento, e utilizar a Lei da Cadea Alimentaria para fixar un prezo digno para o leite e a carne.

"Gobernar na cidade de Lugo sería un paso case decisivo para obter a Deputación

Como deputado provincial ten fama de facer unha oposición dura.

Non, simplemente defendo o que o meu grupo estima que se debe defender. Moitas desas propostas son moi sentidas, como as iniciativas relacionadas co sector primario ou as do arranxo das estradas provinciais. Preocúpame de xeito especial a de Friol a Begonte, vital para varios concellos da comarca de Lugo. O goberno da Deputación pasa por alto moitas cousas que redunden no ben da provincia e dos sectores implantados no noso territorio.

Que cre que lle falta ao PP para facerse co goberno da Deputación?

Para acadar ese obxecivo é fundamental gobernar na cidade de Lugo, que é o maior caladoiro de votos. Temos que dar co proxecto axeitado para convencer aos lucenses. O partido xudicial de Lugo, onde tamén ten o seu peso Sarria, e o da Fonsagrada teñen as chaves da Deputación.

Falan de vostede como alcalde modelo, pero non está na executiva provincial do PP. Por que razón?

Non me considero nin alcalde, nin veciño exemplar. Son un máis. Teño outras prioridades por diante de estar en cargos orgánicos no PP. Débome a Friol e aos seus veciños, e facer eses labores de partido sacaríanme tempo para o concello, a miña familia e a miña explotación, que é do que vivo.

Comentarios