O proxecto Friol Lembra xeolocalizou 22 relatos de mulleres rurais no rueiro

Presentarase este venres cun itinerario no que se descubrirán historias asociadas aos espazos
undefined
photo_camera Collage con fotografías cedidas ao Instituto de Estudos Ulloáns con San Paio de Narla ao fondo. INDAGA

Quen non quixo achegar a orella ás paredes dun lugar, e ouvir o que conta tras do que amosa? Aquí, neste recuncho de Friol da Avenida de Santiago, podemos xa escoitar unha desas historias invisibles. O balbordo que se montou cando unha veciña entrou na taberna que alí había, a reacción dos homes que estaban dentro, pois non se lembra que muller ningunha entrara antes nese lugar.

Esa é unha das 22 historias xeolocalizadas no rueiro friolés que forman parte do proxecto Friol Lembra, impulsado pola cooperativa Indaga co apoio da Rede Museística de Lugo, e que este venres se presentará na vila. Ás 18.30 horas, dende a praza de Andón Cebreiro, as persoas que queiran saber máis do municipio poderán participar nun itinerario que é tamén un mapa sonoro da memoria das súas mulleres rurais.

Durante varios meses, a cooperativa entrevistou a seis mulleres do municipio. Horas de conversa que se deron de ti a ti, ou en grupos pequenos, ou camiñando todas pola rúa, pois non é o mesmo o que se conta dun xeito ou doutro. Dese arquivo, seleccionaron eses 22 audios. Visitas ás feiras para vender queixos, camiñar coas zocas ao colexio ou botar a perder un xersei que tiña que ser entregado ao día seguinte por quedar durmida nunha desas longas noites cosendo.

Os audios pódense escoitar na aplicación Arquitecturas da Memoria, pero para facelo hai que desprazarse ao lugar do que falan 

"Hai un resultado visible, que é o que presentaremos xoves, pero logo tamén está ese traballo de dignificar e recoñecer todo o que aportaron estas mulleres, ás que poucas veces se lles preguntou sobre a súa vida", conta o palense Adrián Gallero, colaborador de Indaga, integrante do colectivo Agrocuir e até hai pouco dedicado ao fomento da economía social no Concello de Madrid. El está, canda a socia de Indaga Raquel Morado, por detrás deste proxecto e da aplicación coa que se artella, Arquitecturas da Memoria, que só permite escoitar as historias no lugar do que son inseparables e que tamén quere seducir á xente máis moza a ir na súa busca, a cazar estes relatos coma se de pokemon se tratasen. "O reto é esa transmisión da memoria, de aí este xogo coas tecnoloxías", comenta Gallero.

Vivencias, coñecementos e saberes aos que non acostumamos acceder cando viaxamos, ou que descoñecemos do mesmo lugar que andamos a diario, e que quedarán en Friol, para veciñas e visitantes, para que os lugares falen do moito que teñen que dicir.

OUTROS PROXECTOS. Gallero tamén promoveu outros proxectos que están recuperando a memoria colectiva vencellada ao espazo público a través dos relatos orais. O venres pasado, o mesmo roteiro con audios xeolocalizados celebrouse en Monterroso, co proxecto Fálame de Monterroso!, que nese caso contou co apoio do Concello e do Injuve.

Por outro lado, Gallero tamén impulsou, con Indaga, o proxecto Facémonos escoitar?, de recuperación da memoria das persoas LGTBIQA+ na provincia, neste caso co colectivo Agrocuir e co apoio da Rede Museística e a Vicepresidencia da Deputación. Tamén neste caso se creará un mapa sonoro de experiencias de persoas, colectivos e institucións sobre a loita polos dereitos e liberdades relativos á diversidade sexual e de xénero. Para sumarse a este arquivo, inda é posible escribir ao correo [email protected].

Comentarios