Portomarín nomeará Fillo Adoptivo a Antonio López

O homenaxeado foi sacerdote da parroquia durante máis de 60 anos
                      Antonio López Vázquez oficiou a súa última misa en Portomarín o pasado 14 de xaneiro.
photo_camera Antonio López Vázquez oficiou a súa última misa en Portomarín o pasado 14 de xaneiro. AEP

O pobo de Portomarín renderá homenaxe ao que foi o seu sacerdote ata hai pouco máis dun mes, Antonio López Vázquez, nomeándoo Fillo Adoptivo do concello, unha proposta que nace do agarimo e agradecemento que senten por el os veciños da parroquia portomarinense transmitido a través do acordo entre os dous grupos que forman parte da corporación municipal, o popular e o socialista.

Deste xeito, os edís de ambos partidos políticos firmaron o documento no que se recolle a concesión do título a Antonio López Vázquez, un escrito que irá ao pleno proximamente e que se someterá a información pública durante un mes, os trámites habituais neste tipo de recoñecementos.

"É unha persoa querida por todos, foi o noso cura desde hai máis de 60 anos", explicaba este mércores o alcalde en funcións, Javier Rodríguez Vázquez, en referencia aos méritos que fan que o sacerdote, natural de Palas de Rei, sexa merecedor deste título.

O Concello está a preparar un acto de homenaxe, cuxa data está aínda por fixar no calendario

E é que Antonio López ordenouse no sacerdocio no ano 1961 e só dous anos despois chegaba a Portomarín, xusto cando a vila orixinal acababa de ser anegada polas augas do encoro e todos comezaban de cero na nova localidade, uns metros arriba.

Así mesmo, converteu Portomarín no seu fogar e os seus fregueses, en veciños, pois á súa chegada instalouse na casa reitoral da parroquia e alí continúa vivindo a día de hoxe, sen pensar en marchar. "Sempre lle axudaba nas misas e cando oficiou a última pregunteille se podía axudarlle de novo. A súa resposta foi: 'E como non vas poder?'", recorda Juan Serrano do pasado 14 de xaneiro, cando deu a súa última misa en Portomarín, poñendo así fin a máis de seis décadas de labor pastoral no mesmo lugar. Ademais de ser párroco na igrexa de San Nicolás -cuxo relevo tomou Francisco Moreiras, de Lalín-, tamén foi cura en Cortapezas, San Xoán de Loio ou San Martiño de Vedro, entre outras.

Desde o Concello indican que con motivo deste nomeamento celebrarase un acto, aínda que a súa data está aínda por acordar.

Comentarios