Portomarín despide a Manuela Vázquez, fundadora do bar España

Faleceu este venres aos 101 anos e será despedida na igrexa de San Nicolás
O bar España de Portomarín, que durante anos rexentou Manuela Vázquez e a súa familia. EP
photo_camera O bar España de Portomarín, que durante anos rexentou Manuela Vázquez e a súa familia. EP

Portomarín entra polos ollos e pola boca. A ese novo pobo de sempre débeselle a augardente que quenta o corpo, as anguías que alimentan e a torta que endoza e a todo iso, no que nestas liñas faltan elementos, poderíanselle engadir os callos e a tortilla de Manuela, a do España. Primeiro soubo como encandilar aos seus veciños naquela vila hoxe anegada polo Miño e despois seguiu conquistando coa súa cociña a peregrinos e visitantes, desde as novas casas que quentadas polo sol miran desde o alto as augas mansas.

Manuela Vázquez Rodríguez faleceu este venres aos 101 anos e, en tanto tempo de vida, traballou duro para que agora, ante a súa falta, quede un fondo baleiro. Ela fundou de nova co seu marido, Antonio Rodríguez, o café bar España no vello Portomarín e, cando o encoro todo o levou, comezaron de novo máis arriba.

Desde a Rúa de Compostela fíxose cunha gran reputación e rompeu as fronteiras que os que peregrinan borran a diario. Pero Manuela xa tiña gañado o agarimo dos seus veciños, sempre cun detalle para os máis pequenos. Non era difícil vela polo seu bar de sempre, ata que as forzas e as ganas lle deixaron.

Con Manuela marcha unha parte grande da historia de Portomarín e este sábado, todo aquel que queira despedila e acompañar a súa filla Maruja; o seu xenro, Ángel; os seus netos Marián, Noelia, Alberto e Manolo, e os seus bisnetos, Pedro e Noa, entre outros familiares, poderá facelo no funeral que se celebrará ás 18.00 horas na igrexa de San Nicolás.

Comentarios