ESTRELAS NO CAMIÑO

Un porto no alto Miño

PASEOS GUIADOS ► Contamos con vós este sábado? Vémonos ás 11 na casa do Concello

Guido Álvarez, en Portomarín. EP
photo_camera Guido Álvarez, en Portomarín. EP

As miñas primeiras lembranzas de Portomarín teñen sabor a améndoa. O corazón e a memoria non entenden de razóns, e supoño que por iso ambos levan a esencias orixinais, nunca esquecidas, e que moitas veces se repiten no tempo.

Mondoñedo, Ribadeo, o Muíño de Olga en Lugo ou Portomarín son lugares que identifico con moitas cousas distintas pero con algo en común entre todos eles. Son sitios onde teño moitos recordos sentado en terrazas de cafeterías, degustando sabores especiais e gozando de paisaxes espectaculares. Probablemente un inicio de posta en valor do que significa un panorama?

Do resto de lugares xa falaremos, pero hoxe toca do querido Portomarín, ese lugar con sabor a tarta de améndoa e de onde o tempo trouxo tantos bos amigos. As primeiras visitas foron cos meus pais, coa miña avoa, coa familia e coas súas amizades... Unha desas fuxidas "dunha tarde" dende Lugo que nunca fallan.

Pobo mergullado e reubicado, para coñecelo vémonos este sábado ás 11.00 horas na casa do concello

Eses amigos do tempo chegaron despois, no instituto, onde nada máis comezar a nosa andaina polo Ollos Grandes, as compañeiras e compañeiros da Anexa mesturámonos por fin con valiosas e queridas xentes doutras procedencias, e sobre todo unha delas... Portomarín. Foron moitos novos colegas, dende o Rooney de Portomarín que logo xogaría no CD Lugo (Sergio Arias) ata Héctor Hugo, pero de entre todos brilaba unha persoa en particular... Iria, Iria López, Iria Supenedo, Iria de Portomarín. Unha loira revolucionaria que se converteu nunha das mellores amigas de todos nós.

As visitas a Porto multiplicáronse cos anos, e máis aínda dende a miña adicación profesional ao turismo. Na miña actividade un sempre ten que ter lugares chave, e este é sen dúbida un deles. Un sitio ao que xa se goza na propia viaxe dende Lugo (Piúgos, Soñar, Lousada, Mougán...) e no que logo hai tantísimas cousas que contar e desfrutar.

Pobo mergullado, pobo reubicado, unha das capitais do Camiño de Santiago, municipio dun formidable castro como Castromaior e sobre todo, para min, un centro fundamental para comprender o río Miño. Contamos con vós este sábado? Vémonos ás 11 na casa do Concello.

Comentarios