O plan de Vélaro para profesionalizar o sector ovino e caprino leva premio

A cooperativa, con sede en Lugo, é a única galega que pode comerciar produtos deste gando
undefined
photo_camera Amaia Santamarta e Raquel González, técnicas de Vélaro, recollendo o premio da fundación Juana de Vega. EP

A fundación Juana de Vega vén de recoñecer o plan de emprendemento que desenvolveu ao longo de case un ano a cooperativa Vélaro, a única galega que pode comercializar produtos ovinos e caprinos e cuxa sede está en Lugo. O obxectivo do proxecto levado a cabo, explican desde o colectivo -aglutina uns 80 gandeiros das catro provincias, pero en maior medida das de Lugo e Ourense-, é profesionalizar o sector.

Amaia Santamarta e Raquel González, técnicas de Vélaro, recolleron o galardón. Falan dunha gandería que se rexe pola alegalidade na cría, no sacrificio e na comercialización, o que deriva nunha lagoa de garantías sanitarias e nunha completa ausencia de prezos competentes para o produtor. Para mostra, exemplifican, "só o 18% dos años galegos pasan polo matadoiro", unha cifra que Vélaro extraeu do estudo de mercado que realizaron dentro do proxecto de emprendemento, unha das moitas iniciativas que executaron desde xaneiro, cando o seu proxecto foi seleccionado pola fundación para concorrer ao Premio ao Emprendemento Agroalimentario.

"Fixemos un plan de empresa e de viabilidade, análises de márketing, de aspecto económico e financeiro...", numeran as técnicas, que ven, con todo, unha boa oportunidade para que os produtores de Vélaro poidan vender año e cabrito nun comercio regulado, amparado tamén pola marca de calidade Pastores de Galicia.

Este premio, dotado con 30 horas de titorización valoradas en 3.000 euros, é tamén un pulo para unha cooperativa que arrancou en 2011, pero cuxa actividade se mantivo durante anos "baixo mínimos", e para uns produtores cuxo produto "ten moita calidade". "O consumidor valórao", din, "porque o cabrito e o cordeiro galego, fronte aos de Castela, son de pequenas ganderías en extensivo, que están no prado xunto á súa nai todo o que poden".

Ademais, o sector en Galicia, caracterizado por explotacións "moi pequenas", encamíñase a un futuro entre interrogacións: "O número de granxas disminúe, tamén a nivel estatal, porque os gandeiros envellecen e non hai remuda xeracional", contan. E o antídoto para remedialo? A profesionalización, aos poucos, a través da reeducación da sociedade.

Comentarios