martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

Pestana, Varela e Polín reciben as distincións honoríficas de Castroverde

2021091213562653277
Entrega das distincións honoríficas no Concello de Castroverde. EP
O acto estivo arroupado pola presenza da corporación municipal, por integrantes de Amigos do Patrimonio e por ducias de veciños que se achegaron á Praza do Concello en homenaxe

O Concello de Castroverde fixo onte entrega das distincións honoríficas a tres dos seus veciños. O artista Paco Pestana foi nomeado fillo predilecto do municipio; o párroco Manuel Varela Gorgoso, fillo adoptivo, e o historiador e escritor Ricardo Polín foi destacado como cronista oficial.

O alcalde do municipio, o socialista Xosé María Arias, destacou que os tres ficeron moito por Castroverde. De Pestana salientou a súa traxectoria artística e o feito de que "levou o nome do Concello a nivel nacional e internacional", indicou, á vez que se referiu á memoria patente das súas vivencias na aldea na súa obra "mediante as máis anovadoras técnicas e enfoques". O Concello só recoñecera a outro fillo predilecto con anterioridade, o tamén artista Baldomero Pestana.

Do párroco Manuel Varela Gorgoso resaltou o seu traballo cercano á xente durante máis de corenta anos, non só da man da igrexa senón tamén á fronte da asociación cultural Espalladoira. "É unha persoa consagrada á promoción de numerosas actividades culturais e labores sociais, así como tamén á conservación do santuario de Nosa Señora de Vilabade, que é Ben de Interese Cultural", comentou.

Do doutor en filoloxía e historiador Ricardo Polín tamén salientou a súa investigación e promoción do Camiño Primitivo. "Polín é autor de relevantes estudos e investigacións centradas na recuperación e posta ao día do noso pasado común e proxección pública", comentou.

Esta declaración xa fora consensuada polos distintos grupos políticos do municipio nun acordo plenario no ano 2019, pero coa pandemia fora imposible celebrar a cerimonia até agora. O acto consistiu nunha entrega dun pergamiño coa referida distinción. Ademais, os nomeados asinaron e deixaron constancia do día no libro de ouro do Concello.

Todos agradeceron ao Concello de Castroverde este xesto que contou cun bo respaldo por parte das veciñas e veciños da zona, pois foron máis de 70 as persoas que acudiron á Praza do Concello para acompañar o acto ás 12.00 horas. O grupo musical Zucurrundullo encargouse de poñer música á cerimonia.

No acto estivo presente toda a corporación municipal e tamén os integrantes da asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, que sempre manifestaron o seu interese en celebrar estes recoñecementos.

Pestana, Varela e Polín reciben as distincións honoríficas de...
Comentarios