Outeiro de Rei revitaliza a cultura popular coa homenaxe a Manuel María

A figura de Manuel María serviu de nexo durante as actividades do V Convivio, evento que conseguiu xuntar centos de persoas na vila

Algúns intres das actuacións musicais e da ofrenda floral a Manuel María. SEBAS SENANDE
photo_camera Algúns intres das actuacións musicais e da ofrenda floral a Manuel María. SEBAS SENANDE

Outeiro de Rei celebrou este sábado a quinta edición do Convivio da Cultura Galega, unha festa que homenaxea ao escritor Manuel María e que reivindica a preservación da cultura popular.

"O Convivio nace co afán de recuperar as nosas celebracións tradicionais seguindo o espírito de Manuel María, a quen lle gustaban moitísimo estas cousas", explicou Alberte Ansede, secretario da fundación Manuel María. Esta asociación é a encargada de organizar o evento que, na xornada do sábado, reuniu a centos de persoas na Carballeira de Santa Isabel, "o lugar dende o que Manuel María escribiu o seu primeiro libro", indicou Ansede.

Os actos arrincaron na horta da casa do autor coas actuacións do grupo musical Untia de Betanzos e do coro da asociación Solfa

A lembranza ao poeta outeirés funcionou como fío condutor do programa de actividades. "O marco da Casa-Museo de Manuel María púxolle a natureza ao Convivio e nós aportamos toda a infraestrutura restante", engadiu o secretario. Deste xeito, os actos arrincaron na horta da casa do autor coas actuacións do grupo musical Untia de Betanzos e do coro da asociación cultural Solfa.

Deseguido, a música dos gaiteiros acompañou a breve andaina ata o cemiterio, onde se realizou unha ofrenda floral na tumba de Manuel María. A escritora Pilar García Negro pronunciou, primeiramente, unhas verbas en honra do autor. "Poucos nomes haberá que conciten tanto afecto de tantos compatriotas, a memoria agradecida e a ansia por conservar a súa obra", afirmou. Engadiu que o poeta "estaría satisfeito de reunir a tanta xente nesta asemblea". E é que á hora do xantar, na Carballeira, estaba prevista a asistencia de 500 persoas, aproximadamente.

Nese mesmo espazo, un anaco antes, a banda municipal Sons e Soños ofreceu un pequeno concerto. Pola tarde, as actividades proseguiron da man do grupo de teatro Pereira de Lobos, que representou a obra Berenguela. Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo. "Esta é a novidade que introducimos este ano", sinalou Ansede en referencia ao espectáculo de títeres.

A partir das cinco da tarde deu comezo unha foliada animada polo músico Xurxo Souto e por distintos grupos de música tradicional. Case todos os conxuntos musicais que acoden ao Convivio teñen algo en común. "Son grupos que naceron á calor de escolas de formación de base e apostan por poñer nun primeiro plano todo o traballo que hai detrás e que, moitas veces, está invisibilizado", resaltou o secretario da Fundación Manuel María.

Ansede fixo unha valoración moi positiva destes cinco anos nos que se vén celebrando o Convivio da Cultura Galega. "En pouco tempo este festexo tense constituído nunha referencia. Vén xente da comarca e tamén de fóra dela", comentou.

Comentarios