jueves. 18.07.2019 |
El tiempo
jueves. 18.07.2019
El tiempo

Outeiro de Rei latexa con corazón artesán

Posto de zapateiros en Outeiro de Rei. SEBAS SENANDE
Posto de zapateiros en Outeiro de Rei. SEBAS SENANDE

Olaría, cestería, cantería ou fiado: a décima terceira edición da Feira de Artesanía congregou un centenar de postos como escaparate dos oficios tradicionais. Como novidade, programouse un campionato de escultura con motoserra

A artesanía fixo onte de Outeiro de Rei un corazón onde latexar, coa celebración da décimo terceira edición da súa Feira de Artesanía.

A capital do municipio encheuse cun centear de postos onde os artesáns fixeron gala do seu oficio e coñecemento ante centos de visitantes. Unha pequena parte deles ofreceu produtos alimenticios de calide de distintos lugares de Galicia e León. Os outros postos estiveron formados por oleiros, zapateiros, cesteiras, ferreiros, torneiros, gravadoras, canteiros ou fiandeiras, entre moitos outros.

O alcalde da localidade, José Pardo Lombao, fixo fincapé, precisamente, na artesanía como unha das potencialidades de Outeiro de Rei, dende a antiga olaría de Bonxe á cestería contemporánea de Idoia Cuesta, ambas presentes nesta feira.

O evento contou coa presenza de Xaneco, o louthier de Outeiro de Rei, que fixo unha demostración de tarrañolas. Sara Seijas, a artesá de Pol que traballa fieltrado de lá, tamén amosou o seu oficio aos asistentes.

A música acompañou esta celebración. A xornada empezou coas cancións da banda municipal Sons e Soños, integrada por mozos e mozas dos concellos de Rábade, Outeiro e Begonte. O grupo de gaitas Penas de Rodas tamén puxo a nota á xornada.

No evento non faltaron as distintas mulleres da provincia que integran a asociación Corazóns Artesáns, nin tampouco as da asociación Bolboreta Fiandeira, que recrearon o fiado da lá e do liño con música e canto tradicional.

AO SON DO MIÑO. Outro dos camiños da feira discorreu a carón do Miño, na área recreativa de Santa Isabel. Este privilexiado escenario acolleu as máis diversas actividades, dende o xa tradicional certame de pintura ao aire libre, que este ano reuniu un total de18 artistas, até a concentración de coches do Club 600 de Lugo, onde se puideron ver distintas marcas de automóbiles e motos.

Alí, baixo freixos e bidueiros, o máis atractivo que acolleu esta edición da feira foi o primeiro campionato de escultores con motoserra. Procedentes de distintos lugares do Estado, só se serviron desa ferramenta para tallar as súas pezas. O escultor Marcos Mariño tamén ofreceu unha exhibición deste tipo de técnica.

A feira trascendeu o ámbito da artesanía coa quinta edición da carreira solidaria que o Concello de Outeiro de Rei organiza en colaboración coa asociación Somos Unidos por el Cáncer, que foi a primeira actividade do día.

A solidariedade tamén chegou da man da residencia Garatuxa, que estableceu un punto de adopción canina. Alí, os asistentes tiveron a oportunidade de dar unha nova vida a cans abandonados, ademais de recibir varios agasallos destinados ao seu coidado e á alimentación nos primeiros días.

Durante todo o día, os máis cativos puideron desfrutar de xogos tradicionais.

TURISMO. O alcalde, José Pardo Lombao, destacou que "a artesanía e a promoción turística van da man", e que por iso o Concello dispuxo dun bus turístico para que os asistentes puideran coñecer distintos puntos do municipio. A inversión das arcas municipal na feira foi de 40.000 euros.

Outeiro de Rei latexa con corazón artesán
Comentarios