Obituario: Pesar en Castroverde polo pasamento de Arximiro Fernández Arias

O que foi concelleiro do BNG e funcionario da Deputación, de 63 anos, é lembrado polos seus amigos, que acudiron a despedilo ao Tanatorio Marzo 

Recibo o encargo por parte dos amigos/as de Castroverde de dicir algo do noso moi querido amigo Arximiro, que así como quen non quere a cousa nos acaba de deixar dun xeito inminente e sen agardalo. A primeira reacción foi contestar cun non sei se poderei, non sei se a dor que sinto me permitirá facelo, pero despois de pensalo decídome en homenaxe a el, de todos nós, poñerme á tarefa. Fatal! Sen solución. Desenlace fatal e inminente! Recibo estas dúas mensaxes no móbil de parte de Carmen Rico, gran amiga do finado e da familia, e foi como se me cae o mundo enriba, non daba creto, non podía crelo, pero por desgracia era a realidade. O noso amigo está a piques de deixarnos.

Eu sobre Arximiro podería estar falando eternamente, pero neste momento o primeiro que se me ocorre é botarlle en cara isto. E agora que? E aqueles proxectos que tiñamos en mente, que vai ser deles? Ficarán, por desgracia no baleiro e vai ser difícil que cho perdoe. Porque para min, Arximiro era máis ca un amigo, un irmán, un confidente, non sei, non teño palabras e agora déixasme, déixasnos orfos, aínda que sempre na nosa memoria.

Estamos desolados, amigo, todas e todos, os moitísimos amigos que tiñas non só de Castroverde, senón de todas partes, que eran lexión. Non vou aquí facer un panexírico de todas as túas cualidades, que eran moitas, soamente que foi unha gran sorte haberte coñecido, eu desde neno, e compartir contigo tantas e tantas experiencias nesta breve vida.

Seguirás vivo mentres permanezas na nosa memoria. E para Chus, Millán e toda a familia, unha forte aperta. Estamos con vós.

Comentarios