viernes. 03.04.2020 |
El tiempo
viernes. 03.04.2020
El tiempo

Obituario: Castroverde despide a José Manuel Iglesias Castedo, falecido aos 93 anos

Fondo pesar en San Xoán de Barredo polo pasamento de Canónigo de Francelos, como tamén é coñecido. Na tarde deste xoves houbo unha misa no Tanatorio Marzo antes da inhumación no panteón familiar

Nun día de fin do inverno, 6 de marzal, no Mércores de Cinsa do ano do noso Señor de 2019 e despois de 93 anos de longa vida, deixounos un moi grande amigo, José Manuel Iglesias Castedo, máis coñecido por Canónigo de Francelos. Non sei de onde viría o apodo Canónigo, supoño que en tempos houbo algún na familia, pero o que si se pode dicir é que José Manuel participaba de esa Ilustración que podía ter deixado tan alto cargo eclesiástico, pois era un lector nato, sobre todo das noticias do periódico El Progreso, ao que estaba suscrito, que lle daba a información para estar ao día do que pasaba no noso país, e de poder falar con el, non soio cousas do campo, do seu entorno, senón tamén de outros problemas, nas tertulias que tiven a sorte de estar con el. Soubo combinar moi ben o traballo dunha casa rural co de disfrutar das feiras de Castroverde e tomarse o seu correspondente polbo, que non perdoaba, ben na feira ou ben o traía para a casa. De cando era novo, comentábame moitas veces a participación nas troulas ou foliadas que se facían na parroquia, tocando a caixa, acompañando a Pepe do Carteiro, que tocaba a gaita. Seica era moi bo bailarín, xa que foi sempre delgado e non lle pesaban as carnes. Podiamos dicir moitas cousas del, pero a que mellor lle encaixa é a de ser moi boa persoa e moi bo veciño, sempre servicial, sempre presto a axudar, sempre disposto a poñer o seu gran de area en calquer obra veciñal, e sempre un home de paz.

Estes homes son os que fixeron que esta Galicia fora mellor, os que dixeron si cando se fixo a escola do pobo, cando se fixo a carretera, cando se trouxo a luz, cando se puxo a traída de augas, cando, cando, tantas cousas que serían interminables, nunca para atrás, sempre para adiante.

Imos ter, eu vou ter, un gran baleiro, porque destas persoas quedan poucas, con tan grandes valores, e por iso escribo estas verbas, para sacar do anonimato a tanta xente que co seu labor calado e constante ao largo da súa vida fixeron tanto polo país e nos deron tanto exemplo, de loitar nun medio rural moi duro, sobre todo nalgúns anos pasados, que merecerían moitas desas medallas, pero pensionadas cunha boa paga, para darlles ese espazo público que non se lles recoñece.

Adeus meu querido amigo, no nome da parroquia de San Xoán de Barredo, e da miña familia, da que ti fuches tamén parte, decímosche ata o ceo, que ben o mereces, recordándolles á tua dona Celia, aos teus fillos Pepita e Manolo, e ao neto Iván, e demais familia, que as boas persoas non morren, quédannos no corazón e perdurarán sempre.

Obituario: Castroverde despide a José Manuel Iglesias Castedo,...
Comentarios