"Nestas festas estarán Cinema, Escaparate e o dúo Eclipse"

Aitor Besteiro é membro da comisión de festas de Cortapezas, no concello de Portomarín
G
photo_camera Aitor Besteiro. VICTORIA RODRÍGUEZ

A parroquia de Cortapezas, no concello de Portomarín, retoma por todo o alto as festas na honra a Santa María os días 5, 6 e 7 de abril, despois de que en 2023 se volvesen celebrar tras doce anos sen que a música soase durante os seus días grandes.

Que pode ir avanzando do programa?

Xa o temos preparado. O venres 5 haberá unha gran churrascada popular a partir das 21.30 horas e logo, verbena coa orquestra Cinema e co DJ Patakiña. Ao día seguinte, o sábado, será a misa ás 13 horas, con procesión e sesión vermú a cargo de Escaparate, que volverá actuar pola noite, a partir das 23.30 horas.

E para o domingo?

Para rematar, ás 13.15 será de novo a misa e logo a procesión e a sesión vermú co dúo Eclipse. Tamén teremos carpa, colchonetas e outros entretementos para os pequenos.

As festas retomáronse o pasado ano, pero desta volta volven por todo o alto.

Si, quixen facela máis grande porque creo que o pobo de Cortapezas se merece iso, que se saiba que existimos. Somos unha parroquia pequena, de 18 casas con cota, pero tamén temos dereito a ter unhas boas festas.

Os veciños tamén o pedían?

Os veciños querían algo de alegría, querían festa. Todos estes anos había só a misa e logo cada un marchaba para a súa casa, estaba todo moito máis apagado.

Con que axuda contou para facer este cartel?

Cóntase con donativos e coas cotas das casas da parroquia. Esta festa abre o calendario de verbenas na contorna, non? Si, é das primeiras que se fan xunto ás da Pascua.

Comentarios