O Museo Provincial expón a cabeza de Narla, doada por un particular

A figura apareceu nos anos 50 no castro de Friol para perdérselle a pista pouco despois
undefined
photo_camera Encarna Lago, Aurelia Balseiro e Maite Ferreiro, coa cabeza de Narla. EP

É misteriosa a cabeza de Narla, de Friol, madia leva que si. Hai dúas semanas, a asociación A Castronela presentaba a súa reprodución no Friulio. Xa que a peza estaba en paradoiro descoñecido, que menos que facer unha copia para a festa castrexa. Naquel momento, o rexedor tamén avanzou que un veciño andaba detrás da pista da orixinal. Pista que debeu dar co cabo certo. O Museo Provincial anunciou onte que a cabeza orixinal de Narla forma xa parte dos seus fondos, e que calquera persoa poderá vela onde moitos investigadores reclamaban que estivese, nun lugar de acceso público e ben conservada.

Para a Vicepresidencia da Deputación, a doazón "abre unha nova etapa no estudo e na investigación da peza e da plástica castrexa, a fin de determinar máis polo miúdo as características, cronoloxía e historia deste ben cultural", indicaron a través dun comunicado.

A primeira noticia da cabeza de Narla débeselle a Blanco Freijeiro no ano 1956, que publica sobre ela un artigo nos Cuadernos de Estudios Gallegos. Alí tamén conta que foi un alumno seu, da Facultade de Filosofía e Letras en Madrid, Amable Veiga, quen lla deu a coñecer. Veiga, pola súa banda, atopouna na entrada da casa dun veciño de Friol, Quiroga, que á súa vez a tería atopado no castro de Narla, e que, ao ver a emoción do lingüista de Triacastela, deixouna ir con el. Pouco tempo despois, cando Veiga foi docente no Instituto Lucus Augusti, perdéuselle a pista.

Pasaron moitos anos ata que a volvese citar o arqueólogo Calo Lourido no ano 1994, onde chega a cuestionar a súa orixe castrexa ante a falta de datos que a avalen, por atoparse en paradoiro descoñecido. "A xulgar pola foto da publicación, o mesmo puido ter sido feita por calquera inexperto pouco antes de desaparecer en Madrid", dicía no seu texto. O Museo Provincial confirmou a autenticidade da peza, e en datas vindeiras programará diferentes actividades para dar a coñecer a historia e o valor da peza para a sociedade luguesa.

Porén, o misterio non está só na cabeza de Narla. As pezas deste tipo teñen espertado numerosos interrogantes. Calo Lourido chegou a contabilizar 23 pezas desta tipoloxía en Galicia e o norte de Portugal. No castro de Santa Tegra aínda apareceu unha nas escavacións levadas a cabo no ano 2015. Ao parecer, neste caso, a figura vencellouse cun dos muros, e cun certo carácter protector sobre o poboado. Tamén no caso da cabeza de Narla, a parte posterior plana fai pensar na súa proximidade cun muro ou cunha parede.

Sobre a cronoloxía, apúntase á coincidencia destas figuras co proceso de romanización, aínda que tampouco se descarte outra cronoloxía. Narla xa recuperou a cabeza, agora cómpre agardar a que fale un pouco máis.

Comentarios