Martes. 25.09.2018 |
El tiempo
Martes. 25.09.2018
El tiempo

As misteriosas fachas de Castelo

O lume é o gran protagonista na noite da queima de fachas de Castelo, que se celebra nun castro. AEP
O lume é o gran protagonista na noite da queima de fachas de Castelo, que se celebra nun castro. AEP

As orixes desta festa, que se celebra en Taboada na noite do sete de setembro son incertas. A versión máis estendida di que se trata dun costume celta que sobreviviu co paso dos séculos

A queima de fachas de Castelo é un misterio desde as súas orixes. Incerta e capaz de xerar longos debates e teorías, a tradición desta parroquia de Taboada transmítese hoxe en día de xeración en xeración. Cada sete de setembro é especial para os veciños do lugar. Alí hai un castro celta que pola medianoite dese día transfórmase nun círculo de lume, maxia e mitoloxía. As fachas preparadas todo o mes anterior polos habitantes de Castelo arden envoltas nun pao de entre seis e oito metros de altura.

Quen asiste por primeira vez á queima de fachas de Castelo adoita quedar sorprendido pola atmósfera que se crea. Pero, de onde provén este particular costume? A explicación máis estendida, favorecida polo feito de que a festa ten lugar nun castro e pola presenza en lugares coma Cornualles ou Irlanda de círculos e rituais similares, fala de que foron os celtas quenes escribiron os primeiros capítulos. De ser así, estariamos a falar dunha tradición milenaria.

A asociación cultural As Fachas organiza a queima desde o 1992, despois dun elevado risco de que o costume desaparecera

Outras fontes opinan que este tipo de actos eran típicos en calquera sociedade labrega do mundo, houbera celtas ou non nela. "É difícil de saber e precisar porque non temos documentación. A celebración tampouco tiña porque ser igual agora que cando comezou", valora o antropólogo local Xavier Viana.

preparativos 3O que se sabe con certeza é que en Castelo as persoas máis maiores lembran os seus avós preparando as fachas para queimalas na medianoite do sete ao oito de setembro. "O máis interesante desta festa é que se siga a facer no 2018 coma continuidade dunha cultura. Hai casos de persoas que de mozas non estaban interesadas polas fachas e comezaron a facelas cando naceron nenos na súas casas", di Viana.

"Os avós dos nosos avós lembraban as fachas de Castelo, pero non sabían dicir cando comezaron", engade Manuel Fidalgo, presidente da asociación cultural que desde o 1992 organiza o evento. "Todo comezou grazas un veciño de Castelo chamado Xaime Delgado Gómez, historiador e cura, que escribiu unha serie de artigos en El Progreso sobre as fachas chamando a que non se perdera o costume", relata Fidalgo, quen preside o colectivo desde o 2008.

Segundo lembra, esta celebración baseada no lume estivo a piques de desaparecer. Algúns anos chegaron a queimarse só dúas fachas e non se fixo no castro, senón nos terreos contiguos. Agora róndanse sempre as 30.

PROCESO. Son os habitantes de Castelo os encargados de fabricar as fachas. A comezos de agosto cóllense os agucios (nome que reciben en Taboada os arbustos que serán queimados máis adiante no castro), xúntanse e póñense a secar. Unha semana antes da festa, declarada de interese turístico, átanse ao pao e o día sete súbense ao castro, onde quedan chantadas. O seguinte paso xa é prenderlles lume.

Aínda que non é a única actividade da que poden gozar os asistentes. Na edición deste ano programouse a actuación da orquestra Gran Casino coma colofón á queima e nas horas previas houbo, coma sempre, unha gran cea con polbo e carne ao caldeiro.

É unha noite ao ano na que Taboada mira cara o seu pasado milenario

A queima de fachas non deixa de ser un evento máis das festas de Castelo, aínda que é sen dúbida o máis característico. A celebración constitúe a identidade da parroquia taboadesa. Por ela é coñecida e grazas a ela centos de persoas acoden, coma antonte, cada sete setembro a este punto, amosando que exaltacións etnográficas deste tipo están de moda entre o público.

Un desvío desde a N-540 permite chegar ata Castelo, onde a queima de fachas volve outorgarlle ao lume o toque purificador que tiña para as sociedades antigas, que deste xeito trataban de espantar os malos augurios. É unha noite ao ano na que Taboada mira cara o seu pasado milenario.

Non é a única tradición deste tipo que ten lugar na Ribeira Sacra. En Vilelos (O Saviñao) hai outra queima de fachas, aínda que o procedemento é diferente. Consiste nunha procesión cara o castro da Besta que precede ao lume. Coma en Castelo, música e actividades varias acompañan un acontecemento que perdura no tempo e que conecta a comarca coas súas orixes máis misteriosas.

As misteriosas fachas de Castelo
Comentarios