Se eu fose alcaldesa...

"O meu obxectivo é que Rábade sexa un concello con oportunidades, no que a xente nova decida quedarse e os maiores teñan tódolos servizos"

PP_rabade1
photo_camera Remedios González Cabarcos
Remedios González Cabarcos
Candidato do PP en Rábade
Idade: 60 anos
Lugar de nacemento: Rábade
Primeiro ano como candidato: 2015
Afeccións: Ler, viaxar, teatro, cine e música


Dende que non goberna o Partido Popular en Rábade, o declive deste municipio é cada vez máis acuciante, ata o punto de que os veciños e veciñas están perdendo calidade de vida de forma notable. Por iso a candidata do PP á alcaldía deste municipio, Remedios González Cabarcos, decidiu novamente encabezar a lista dos populares, e faino porque "xa está cansada da mala imaxe que temos como vila, sucia e decadente".

"Os habitantes de Rábade non merecen máis anos de desinterese e abandono", destaca a alcaldable, ao tempo que lamenta que o actual goberno deixase fuxir importantísimas industrias que poideron estar asentadas no municipio. Por se isto fose pouco, engade, "executáronse obras que tiveron que refacer aos poucos anos; destrozouse o Campo da Feira –lugar emblemático para os rabadenses–; non se remata ningunha rúa; e seguimos cun alumeado sen conexión, por exemplo".

Neste sentido, González Cabarcos teno claro: "o bipartito formado por Independentes e PSOE non é o que Rábade merece nin desexa. A xente debe saber o custe que ten para o pobo que o alcalde pague con cartos de todos o seu sillón, por un soldo mensual ao representante socialista". Por este motivo e por responsabilidade co seu pobo, a alcaldable asume de novo o reto de presentarse á alcaldía, sabendo que precisa a maioría absoluta para gobernar e dar así a estabilidade gobernamental da que careceu Rábade nos últimos anos.

Reto principal: mellores servizos básicos

O principal reto da popular é mellorar os servizos básicos, entendido este obxectivo dende o traballo para que a rede de subministro de augas non cause problemas e os veciños e veciñas teñan auga de calidade. A este respecto, mellorar a depuradora e cambiar a rede nas rúas máis antigas e obsoletas son tamén unha prioridade, pois "a auga é un ben moi preciado e merecemos unha ter unha auga digna para o uso doméstico", afirma.

Facer a rede de saneamento nas rúas que non o teñen é outro dos compromisos que asume, xa que, en pleno século XXI e despois de casi 25 anos co actual alcalde, esta segue sendo deficitaria e as queixas veciñais son reiteradas. "É unha vergoña que exista un barrio que  ten rede de saneamento pero está sin conectar dende hai 24 anos", manifesta.

Conciliación familiar

Facilitar a conciliación familiar é outro dos puntos máis importantes do seu programa. Inclúe para elo a creación dun centro de día para maiores cunha programación ampla de actividades tanto para os usuarios como para as familias coidadoras, ademais da creación dunha biblioteca municipal, ludoteca ou o servizo de atención a madrugadores para todas aquelas familias que necesiten deixar aos seus nenos e nenas antes da hora de comezo das clases, así como o servizo de permanencia pensado para as familias que precisen deixalos unha vez finalizadas as clases.

Cultura e deporte

Avoga por unha completa programación cultural con múltiples actividades co obxectivo de promover a actividade cultural do pobo. "Ata agora todo se fai a salto de mata. Non existe unha planificación seria para promover a vida cultural do pobo", sinala.

Deste xeito, explica que dotar a Rábade dun plan municipal de actividades deportivas que potencie o deporte local con máis equipos e disciplinas, programando actividades físicas de forma continuada para todas as idades, tamén debe ser abordado polo goberno local, así como a creación dun ximnasio municipial con precios asequibles para a poboación de Rábade.

"Dispoñemos de espazos privilexiados (natureza, río, tranquilidade...) para facer un lugar de encontro para os amantes do deporte", apunta.

Impulso económico

Rábade está nunha encrucillada de camiños polo que ten unha ubicación estratéxica para recuperar o dinamismo comercial e humano que tivo noutrora. Para González Cabarcos é moi importante "potenciar e coidar o polígono industrial, un dos primeiros da provincia, co fin de fomentar o emprego e de atraer novas empresas e axudando ás que xa están para que non se vaian como estivo a pasar nestes anos que buscaron novos emprazamentos polas trabas que o goberno municipal lles poñía".

Plan de vivenda

Elaborar un plan de vivenda con axudas a propietarios e compradores para atraer asentamento de poboación é outros dos obxectivos que defende a alcaldable. "A finalidade –di– é implicarse na recuperación das casas antigas e deshabitadas". 

E é que Rábade ten un bo número de vivendas antigas que poderian enmarcarse dentro dun programa de rehabilitación de entorno, renovando vivendas para novos propietarios e así impulsar a recuperación económica e social do pobo.

PUENTE MEDIEVAL SOBRE EL RIO MIÑO EN RABADE
Oportunidade
Rabade precisa "un cambio político"
A alcaldable popular cre que "agora é o momento de dar paso a un goberno do Partido Popular centrado en Rábade e nas necesidades que teñen os nosos veciños e as nosas veciñas". Remedios González Cabarcos sinala que "dende que os populares non gobernamos, vemos claramente os resultados que está a padecer o concello. Se seguimos apoiando o mesmo goberno, teremos máis do mesmo. Por iso pensamos que hai que cambiar o goberno e dar a oportunidade ao Partido Popular de facer as cousas doutro xeito durante catro anos". A candidata do PP á alcaldía de Rábade explica que: "o meu obxectivo é ver que Rábade é unha localidade con oportunidades, na que a xente nova decida quedarse no municipio, na que a xente maior teña tódolos servizos necesarios e cando se mencione o nome do noso pobo sexa sinónimo de futuro e non de estancamento ou de liortas políticas", conclúe. 

Comentarios