Medio metro de terra a falar do Paleolítico

A Cova da Valiña, en Castroverde, escavouse estes días polo grupo de arqueólogos da Cova Eirós 30 anos despois de ser estudada. O equipo quere volver datar os achados, pór en relación os dous xacementos e entender mellor a chegada dos primeiros sapiens
Arturo Lombera, Carlos Fernández, Mikel Díaz e Tania Mosquera. SEBAS SENANDE
photo_camera Arturo Lombera, Carlos Fernández, Mikel Díaz e Tania Mosquera. SEBAS SENANDE

Dá noticia o Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (BCML) no ano 1962 dunha explosión no lugar da Valiña, en Castroverde. O que tivera por obxectivo a extracción de cal fixo aflorar unha infindade de ósos, "con restos de cráneos de animales raros, tibias, costillas, astas de cervatos", segundo é posible ler nese boletín do Museo Provincial do que era director Vázquez-Seijas. O suceso daría lugar á primeira evidencia do Paleolítico Superior en Galicia, e á primeira escavación realizada con metodoloxía científica no país, con tres campañas nos anos 1987, 1988 e 1992.

O que Lombera sostén na man é unha lasca con gume de seixo que servía de ferramenta para os antigos cazadores. O que repousa na mesa, o seixo máis grande do que tería saído. S. SENANDE
O que Lombera sostén na man é unha lasca con gume de seixo que servía de ferramenta para os antigos cazadores. O que repousa na mesa, o seixo máis grande do que tería saído. S. SENANDE

O xoves, neste lugar, volvían moverse terra e tempo. Durante unha semana, o equipo coordinado por Arturo Lombera e Xosé Pedro Rodríguez, directores das escavacións na Cova Eirós baixo a dirección de Ramón Fábregas, escavou de novo esta cova. En só medio metro rexistraron dende o venres pasado 131 achados, e aínda lles queda o día de hoxe. Con eles, queren volver datar o xa investigado naqueles finais dos 80 e encaixar a cova nese quebracabezas que conta a historia dos primeiros sapiens que poboaron o noroeste peninsular. Á emoción de adentrarse neste lugar sumábase onte a presenza de Carlos Fernández, arqueólogo nas primeiras campañas baixo a dirección de César Llana e María José Sotobarreiro, e canda a un equipo conformado por nomes hoxe de absoluta referencia. "Eles xa determinaron o que había aquí", comentaba Lombera.

No que foi un cubil de hienas, Mikel Díaz e Tania Mosquera, arqueólogos na Cova Eirós dende 2011 e 2017, respectivamente, ensinan unha vértebra dun bóvido, talvez un bisonte. S. SENANDE
No que foi un cubil de hienas, Mikel Díaz e Tania Mosquera, arqueólogos na Cova Eirós dende 2011 e 2017, respectivamente, ensinan unha vértebra dun bóvido, talvez un bisonte. S. SENANDE

E que hai aquí? Nesta boca que se abre no pequeno afloramento calizo, excepcional nun territorio onde a acidez do granito destrúe todo resto, documentouse a presenza humana hai 36.000 anos a través da industria lítica. Máis tarde, no laboratorio despregado na antiga escola unitaria da parroquia de Bolaño, Lombera amosará o seixo que terían utilizado para obter lascas con gumes para cortar o alimento, que tamén atoparon, así como ducias de restos do proceso de talla. "Por iso, porque alí se tallou, sabemos que puideron estar varios días", comenta Lombera. Talvez tamén fose ocupada no tempo, de xeito sucesivo, como a Cova Eirós.

Ademais de industria lítica, nestes días tamén encontraron ósos de animais, os mesmos que sorprenderan a aquel veciño no ano 1962: oso, hiena, bisonte, cavalo ou cervato. Fernández distingue con pericia o que é falanxe de coello ou dente de rato nesas mesas da escola. Os que máis abondan, os de hiena. "É doado que se fosilicen os excrementos. Ao ser un animal que pode comer o que se lle pon por diante, os excrementos conteñen moita materia non orgánica", conta. "Pensabamos atopar unhas dez mostras nestes días", comenta Lombera, ante todo o que alí se desprega.

Primeiros sapiens

Na mesa, un dente dun oso ou falanxes de coello. Detrás, un equipo que estuda dende a fauna, a vexetación, a lítica ou a estratigrafía para compoñer a sociedade deste tempo. S. SENANDE
Na mesa, un dente dun oso ou falanxes de coello. Detrás, un equipo que estuda dende a fauna, a vexetación, a lítica ou a estratigrafía para compoñer a sociedade deste tempo. S. SENANDE

O obxectivo fundamental desta escavación, enmarcada no proxecto das covas do Paleolítico nas serras orientais, é someter os achados de finais dos 80 aos novos sistemas de datación máis precisos. Ter eses datos permitiría relacionar mellor esta Cova da Valiña cun dos niveis de ocupación da Cova Eirós co que semella coincidir, cunha industria lítica de cuarzo moi semellante. "Non falariamos dos mesmos individuos, pero si da mesma cultura", comenta Lombera.   

Unha cultura, a dos primeiros grupos de homo sapiens que entraron na Península por Cataluña hai uns 43.000 anos para adentrarse nos vales costeiros do Cantábrico, ata Nalón, en Asturias. "En Nalón habería homo sapiens hai 40.000 anos, mentres na Cova Eirós e nas covas de Portugal só temos constancia de neandertais. Semella que se mantiveron alí durante máis tempo, para entrar en Galicia uns 4.000 anos máis tarde. En Portugal están aparecendo datacións de hai 34.000 anos. Con esta investigación queremos contribuír a entender esa cronoloxía, esa ocupación", di Lombera. Ocupación que ten aquí unha das portas do tempo.

Unhas misteriosas azagaias

MUSEO

Un dos misterios do xacemento son as azagaias achadas no 1962, datadas hai 15.000 anos. "Pensabamos que iamos atopar a cova que as explicase, pero só encontramos restos anteriores. Talvez algunha parte da cova se destruíu coas explosións", comenta Fernández. 

Comentarios