Sociedade Río Chamoso: Media vida de caza en Castroverde

O tecor conmemora cinco décadas de historia convertida nun referente para o sector na provincia e cunha necesidade cada vez maior de asegurar a remuda xeracional
Membros do tecor Río Chamoso nunha imaxe retrospectiva. EP
photo_camera Membros do tecor Río Chamoso nunha imaxe retrospectiva. EP

Din que o tempo voa cando un fai o que lle gusta. Quizais por iso a algúns aínda lles custe crer que xa pasasen cinco décadas desde que unha vintena de veciños de Castroverde apaixonados da caza decidiran unirse para crear a sociedade Río Chamoso. Hoxe, os seus herdeiros miran cara ao pasado, cara a 1974, coa nostalxia do camiño andado pero coa satisfacción de cumprir medio século de historia convertidos nun referente provincial para o sector.

"Moito cambiaron as cousas desde entón", di Fernando Pillado, presidente do tecor desde hai máis de 20 anos. El, coma moitos dos seus membros, leva máis de media vida ligado á sociedade, aínda que a afección venlle desde que era ben cativo. "O meu pai era cazador, collinlle o gusto sendo un rapaz. Por aquel entón proliferaba a caza menor, case testemuñal hoxe en día, e que para moitos era un medio de subsistencia", explica.

O apoio dos veciños da vila sería fundamental para o desenvolvemento dun proxecto iniciado nunha época de grandes cambios, coa delimitación dos coutos como punto de partida. "Falamos coa xente para que nos cedese terreos. Temos un dos maiores coutos da provincia, de case 20.000 hectáreas: inclúe as localidades do Corgo e Gondar e todo o municipio de Castroverde, a excepción da parroquia de Meda", detalla Pillado.

Tamén mudaría a concepción social desta afección, que obrigaría os cazadores a reinventarse co paso dos anos. Desde Río Chamoso realízanse actividades relacionadas coa caza e a pesca, si, pero tamén coa conservación do territorio. "Os que son cazadores de verdade teñen conciencia co medio ambiente. Realizamos queimas controladas con autorización —fundamentais para a prevención dos incendios—, sementamos o monte e intentamos conservar o hábitat, non exterminalo", aclara.

Precisamos que veñan mozos con ilusión e ganas de emprender novos proxectos. Que collan o noso testemuño e que acorden, polo menos, 50 anos máis", di Fernando Pillado, presidente da sociedade Río Chamoso

O que comezou como unha xuntanza de 20 veciños é hoxe unha sociedade de preto de 200 e das que unha decena son mulleres que van "entrando aos poucos" nun terreo tradicionalmente masculinizado. Aínda que se hai unha preocupación que lle ronda na cabeza a Pillado, esa é a necesidade dunha remuda xeracional: "Precisamos que veñan mozos con ilusión e ganas de emprender novos proxectos. Que collan o noso testemuño e que acorden, polo menos, outros 50 anos máis".

Celebración: Unhas vodas de ouro a ritmo de música e un xantar

"Cincuenta anos dise fácil, pero é moito. Para a maior parte dos membros do tecor supón máis de media vida", di Fernando Pillado, presidente da Sociedade de Caza, Pesca e Conservación Río Chamoso.

Ao igual que aconteceu polo vixésimo quinto aniversario, os membros da sociedade conmemorarán esta data sinalada cun xantar, co que colabora a Xunta de Galicia e que terá lugar este sábado, día 1.

Haberá un menú a base de polbo e churrasco, unha comida de confraternidade que terá sesión vermú e música pola tarde a cargo de D’Caché Music.

Unha efeméride semellante merece, como non podía ser doutro xeito, unha celebración á súa altura. "Agardamos unhas 400 persoas. Queremos festexar rodeados de amigos, veciños, autoridades e familia. Homenaxearemos os socios como é debido", di. 

Comentarios