O Matela pide melloras para o campo de fútbol de San Lourenzo de Aguiar

O BNG defenderá unha moción de apoio ao equipo e Pardo di que "se verá que se pode facer"
Estado das instalacións en San Lourenzo de Aguiar. EP
photo_camera Estado das instalacións en San Lourenzo de Aguiar. EP

A pista de acceso "intransitable", o estado "impracticable" dos vestiarios, as vallas que delimitan o campo "instaladas do revés", a instalación eléctrica "á intemperie", a "falta" de colector de plásticos. Estas son só algunhas das queixas que a Agrupación Deportiva Matela trasladou onte ao Concello de Outeiro de Rei para reclamar "condicións dignas" para o campo de fútbol municipal de San Lourenzo de Aguiar.

A agrupación deportiva, que fundada no ano 1987 é unha das máis antigas do municipio, ten este campo de fútbol como terreo de xogo habitual, e é o único equipo de fútbol federado do municipio que disputa os seus partidos como local nunha parroquia rural. Así, denuncian "o abandono que o campo leva padecendo por parte do Concello, así como as precarias condicións nas que temos que desenvolvernos para adestrar a diario ou xogar os partidos como locais", comentaron.

No escrito trasladado ao Concello, o Matela refírese especificamente aos accesos ao campo, lamentando que moitos vehículos queden habitualmente enterrados na lameira. A esta situación tamén suman as deterioracións que causa "o constante paso de maquinaria forestal" pola vía de acceso, "ficando o terreo en estado imposible para turismos", indican.

Por outro lado, tamén lamentan o estado dos vestiarios, e o incumprimento "de múltiples normativas relacionadas coa seguridade". Un dos exemplos que lamentan é o da instalación eléctrica xeral, "que está aberta e á intemperie, cos fusibles e automáticos saltando ou fundíndose cada pouco", relatan.

Dende a agrupación deportiva consideran "unha vergonza" o estado actual do campo, que cada semana acolle xogadores "que non se poden duchar, ou que quedan enterrados na lama". Ademais, quéixanse de que "non se nos deixa adestrar no campo municipal de Outeiro", e que en ocasións teñen que acudir a Cospeito, Vilalba ou outros lugares da contorna.

 Tras coñecer o escrito e desprazarse ás instalacións, o grupo municipal do BNG de Outeiro de Rei vén de presentar unha moción para que o pleno de hoxe apoie as reivindicacións da agrupación deportiva. "Non podemos entender como un Concello que gasta centos de miles de euros en instalacións deportivas ten o campo dun equipo federado nestas condicións", destacaron os nacionalistas.

Pola súa banda, o rexedor local, o popular José Pardo Lombao, respondeu a estas acusacións dicindo que "reparamos á velocidade que podemos", e que "teña cousas que solucionar non quere dicir que estea abandonado". Sobre a negación para o Matela de utilizar o outro campo en Outeiro, indicou que "o utiliza outro equipo, e as condicións non permiten que se utilice por máis dun", e ao mesmo tempo destacou que estudaría "o que se pode facer".

Comentarios