Maruchi, 'la seño' de Palas

A María Pilar Cordeiro todos lle queren ben e para todos é Maruchi, a mestra coa que aprenderon a ler boa parte das xeracións de palenses e a que lles discorría un conto por día. Como agradecemento, os seus exalumnos xuntaranse este sábado nun multitudinario evento
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera María Pilar Cordeiro Rodríguez 'Maruchi', coa guía didáctica de 'Micho'. VICTORIA RODRÍGUEZ

Se en Palas dis "María Pilar Cordeiro Rodríguez", alguén vai completar a frase cun "Maruchi" entoado cun pouco de nostalxia e un moito de agarimo. Será porque é un nome que convida aos adultos de hoxe, aos de Palas de Rei sobre todo, a soprar o pó que cobre as imaxes da infancia, sacalas do seu agocho e darlle vida de novo ás anécdotas ata entón esquecidas. Iso dá boa conta do labor que exerceu Cordeiro durante case 50 anos como mestra de párvulos e do afecto co que os seus exalumnos a lembran.

O aprecio é mutuo. Tanto respecto lle ten Maruchi aos seus antigos escolares que cando se lle pregunta de onde lle veu a vocación, di: "A verdadeira non cha podo contar, é unha primicia para os meus alumnos". Pero dá pistas.

Foi ver ao seu pai exercer como mestre durante tantos anos que non puido evitar contaxiarse das ganas de ensinar e de aprender dos pequenos. Ela, incluso, recibiu clases sendo a única nena entre todos os nenos: "A escola estaba na planta baixa e nós viviamos arriba, así que aínda que en Palas houbese tamén unha para as nenas, eu ía onda meu pai, á dos nenos", conta dunha etapa na que a algún dos case cen pequenos non lle quedaba outra máis que sentar no chan. "Ata que chegou un inspector e dixo que así non podía ser, así que empezamos a ir uns pola mañá e outros pola tarde", lembra María Pilar.

Maruchi retirouse aos 70 anos despois de dar clase en escolas unitarias, en dúas aulas de Palas e no colexio da localidade

Aos anos de bacharelato e ás reválidas seguíronlles as escolas unitarias. A primeira en San Mamede de Coence, en Palas, e a segunda a dez quilómetros da Fonsagrada, sen luz nin estradas. "Alí aprendín a chorar, ao verme entre montañas, con xente descoñecida, lonxe da familia", asegura Maruchi sen tardar moito en matizar que tamén foi "moi feliz" durante a súa estadía na casa dos Castelao, onde aprendeu a relacionarse "coa xente e cos nenos".

Por San Cibrao da Repostería tamén pasou antes de que as oposicións lle permitisen colocarse na praza ao carón do concello, na planta baixa da casa que os seus pais escolleron para asentar, primeiro por pouco tempo e logo para sempre. Alí vive hoxe Maruchi e alí almacena ducias de recordos enmarcados. Quedou en Palas, engade ela, "porque sempre que marchaba choraba, así que non ía chorar outra vez".

Incontables pequenos, primeiro de catro e cinco anos e logo tamén de tres, aprenderon a ler con Maruchi e souberon da importancia da imaxinación, da que ela presumía inventando un conto por día. "Algún ía repetido, pero cambiáballe o título", pese a que sempre había quen lle dicía: "'Seño', ese ya lo contaste".

Recoñece que tivo alumnos moi espelidos, algún traste -a estes, "cinco minutos contra la pared"- e outros que marcharon e, pese a o tempo, non esquece.

Xubilación "forzosa". Maruchi puido retirarse aos 62, pero cando se deu conta xa estaba entrada nos 70, o que implicou a súa "xubilación forzosa". "Sentino tanto...", agrega, aínda que axiña cubriu a axenda de quefaceres: clases de cociña, de manualidades, de pintura, de pandeireta, viaxes do Imserso e, agora, a coral, os cafés coas amigas pola tarde e, ás oito, puntual, Pasapalabra.

Do programa, do xornal e das novelas negras que agora lle ocupan o tempo recolle palabras pouco usuais que anota nunha libreta, igual que fixo cos centos de refráns que xa conta por tomos ou as frases de personaxes célebres.

Un emotivo acto, este sábado. Máis de 150 exalumnos homenaxearán este sábado a súa 'seño'; para outros, os do colexio, a 'profe' Maruchi. Será no pavillón deportivo do Ceip a partir das 13.30 horas e o que o desexe aínda está a tempo de apuntarse durante este venres para o xantar -hai que ingresar 30 euros na conta ES22 3070 0010 5363 6813 3317 e logo enviar xustificante e datos a [email protected]. Organizan os primeiros 'párvulos' de Palas.

"Moi nerviosa estou", dicía a protagonista esta semana por un acto que, seguro, será emotivo e rescatará historias de viaxes imaxinarias en avión para estudar xeografía, a anécdota do neno que confundiu Os Peares coas Baleares, a calor do braseiro no medio da aula, as copias feitas en papel calco e os libros de 'Micho'. E nel non lle faltará a compaña dos tres piares da súa vida: "A familia, a ensinanza e os amigos".

Comentarios