Mariposa consegue o primeiro posto como Miss de Galicia

A provincia lucense volve gañar o concurso grazas a unha vaca rubia de nove anos de Castroverde que conseguiu impoñerse no certame de beleza do programa televisivo Luar co 42% dos votos da audiencia
Mariposa, xunta ao seu dono José Francisco Lago e o fillo del. EP
photo_camera Mariposa xunto ao seu dono José Francisco Lago e o fillo del.

Os concursos de vacas leiteiras valen máis que os concursos de beleza. Así o plasmou Castelao na súa obra Sempre en Galiza. O programa de televisión da cadea autonómica Luar recupera un ano máis esta máxima do escritor para escoller a vaca máis fermosa do territorio galego e celebralo cun desfile como se de auténticas supermodelos se tratase. Mariposa é o nome da gañadora de Miss Vaca Galicia deste ano. Nada máis e nada menos que unha rubia galega de raza pura de nove anos que conseguiu impoñerse co 42% dos votos da audiencia, situándose posteriormente as vacas que representaron Ourense (26%), A Coruña (21%) e Pontevedra (11%).

"Puxémoslle ese nome ao nacer porque nos pareceu moi bonita", di José Francisco Lago, dono do animal e propietario da Ganadería Home Novo na parroquia de Furís, en Castroverde, onde continúa co oficio de seu pai e seu avó. O home adícase á carne e á venda de animais, pero sempre deixa un oco para a súa preciada Mariposa, que voltará o un de agosto ao concurso de raza rubia. "Ten un bo corpo e penso que á xente lle gustou bastante", afirma humildemente o castroverdés.

Esta rubia galega representou a provincia lucense e conseguiu impoñerse como a vaca máis xeitosa de toda Galicia grazas aos votos dos espectadores do programa televisivo e mesmo á audiencia doutros países. Na final competiron catro vacas, unha por provincia, e os resultados foron variando ao longo do programa, onde Bonita, a representante de Ourense, se atopou máis igualada en votos á lucense por momentos.

Esta é a duodécima vez que a provincia de Lugo consegue levar o premio no concurso vacún do Luar, o que a sitúa como unha gran rival para as demais provincias ano tras ano. "Mariposa recibiu unha banda e unha coroa por alzarse co primeiro posto", explica orgulloso o seu dono, que xa soubo apreciar a súa beleza dende o primeiro momento en que a viu nacer.

O concurso xa ten máis de 30 anos, pero non é de estrañar que o animal escollido para este certame sexa a vaca, xa que é imprescindible no gandeiro en Galicia. Elas representan unha importante fonte de emprego na comunidade, pero tamén forman parte da tradición cultural autonómica dende hai séculos. Mesmo o propio Castelao as considerou como o símbolo da paz no territorio galego

Pastora (A Coruña), Bonita (Ourense) e Cereixa (Pontevedra) foron unhas grandes rivais no certame, pero a rubia lucense deixou impresionado ao público coa súa beleza e simpatía. Mariposa é fotoxénica e semella toda unha profesional diante dos focos, que non supoñen un impedimento para mostrar todo o seu potencial.

Este podería ser o punto de partida na súa carreira como modelo, así que estaremos atentos aos próximos pasos desta vaca tan especial.