miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

NECROLOXÍA

Adeus a Manuel Eiras Rodríguez, fundador de Patatas Eiras

Flores en un cementerio.PIXABAY
Flores en un cementerio.PIXABAY

Familiares e veciños despediron este mércores con fondo pensar a Manuel Eiras Rodríguez (finado o pasado luns aos 89 anos), o fundador, coa súa dona Elisa López, de Patatas Eiras, unha referencia no sector agrario de Castroverde e da provincia de Lugo. 

Manuel Eiras, da Casa Xusto de Moreira, foi o segundo de tres irmáns. Os seus inicios profesionais estiveron na gandería pero o seu espírito empresarial logo apareceu, algo que herdou do seu propio pai que se adicaba á compraventa de xamóns que transportaba cunha cabalería. Manuel Eiras xa avanzou na actividade paterna e mesmo mercou unha moto na que trasladaba catro ou cinco xamóns. 

En pouco tempo viu unha oportunidade de negocio no sector da pataca e comezou a viaxar a Palencia e Burgos para mercar a pataca de semente, que lles entregaba aos agricultores locais. Despois recollía a produción para abastecer as feiras de Castro ou de Meira e tamén as pequenas tendas da capital lucense. 

Manuel Eiras e a súa dona Elisa López sempre tiveron unha capacidade de traballo infinita e boa man para os negocios. Durante un tempo incluso combinaron a actividade da pataca co sector porcino e vendían por pezas porcos que mataban eles mesmos. 

Co paso dos anos Patatas Eiras colleu forza e converteuse no sustento principal da familia. Á empresa incorporouse Lolo, fillo de Manuel que finou no 2015 aos 56 anos de idade. Lolo iniciou un proceso de expansión da firma cara A Mariña lucense, Vilalba ou Ferrol, mentres que Manuel, pese á súa idade, seguiu á fronte dos clientes de proximidade. Traballou de xeito incansable durante décadas e asumiu o reparto de Patatas Eiras en Lugo ata os 84 anos. Serán moitos os que recordan un home alto, de pelo branco e mono azul co seu camión pola cidade das murallas. 

Esa capacidade de traballo e tesón que caracterizaron a Manuel Eiras Rodríguez para superar os duros golpes que lle deu a vida no profesional e tamén no persoal herdounos, sen dúbida, Jessica Eiras, a súa neta, o temón na actualidade de Patatas Eiras.

Adeus a Manuel Eiras Rodríguez, fundador de Patatas Eiras