sábado. 24.07.2021 |
El tiempo
sábado. 24.07.2021
El tiempo

JUAN SERRANO

"É máis doado mover a catedral de Santiago que que eu opte á reelección"

ELP0301P12F2 (1)
Juan Serrano, alcalde de Portomarín. XESÚS PONTE
Juan Serrano tomou a "firme decisión" de deixar a alcaldía de Portomarín cando remate o actual mandato, en 2023. Un dos seus últimos proxectos, tras dez anos no cargo, é  crear dúas grandes áreas de aparcamentos nas entradas do pobo para facer peonil o casco vello

Juan Serrano, alcalde de Portomarín polo PP, anticipou a necesidade de fixar medidas para a sustentabilidade dos grandes encoros, dacordo coa filosofía da Unesco, para facilitar a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. O comité español de Icomos, organismo asesor sobre sitios e monumentos desa organizacion da Onu, emitiu un informe no que coincide nesta análise. Serrano matiza que o seu obxectivo é «reivindicar un nivel estable de auga, que permita a navegabilidade e as actividades de ocio en Belesar, o cal axudaría a diversificar a economía de Portomarín, que depende moito do Camiño Francés. A candidatura da zona a Patrimonio da Humanidade constitúe unha oportunidade para regular eses problemas». Serrano, que xa lle plantexou esta cuestión no seu día á Xunta, conta co respaldo doutros rexedores.

Que previsións de afluencia de peregrinos teñen para este ano? Que opinión lle trasladan os donos de aloxamentos de Portomarín?

Hai reservas e existe confianza en que se recupere a presenza de peregrinos cara ao verán. O Camiño Francés sempre foi moi importante para os municipios do Lugo interior. Sabemos que o despegue dos albergues compartidos será máis complicado, pero queda a alternativa de alugar habitacións de hoteis. Os roteiros xacobeos son un destino seguro, con andainas en plena natureza nas que é doado gardar a distancia social. A decisión de non abrir de momento os albergues públicos é un acerto da Xunta, tanto por cautela como para darlle un pulo ao sector privado.

¿Fixo vostede algúns dos camiños? ¿Que vivencias ten destas rutas?

A peregrinación é unha paixón para moitas persoas. O verdadeiro camiño empeza cando chegas a Santiago, como escribiu Paulo Coelho. Moita xente, entre os que me inclúo, pensa o mesmo. Peregrinei catro veces e ao chegar a Santiago sempre experimentei esa sensación de alcanzar un obxectivo tras un esforzo persoal e as gañas de asumir de novo o reto.

Cal é a clave para manter a afluencia de camiñantes?

O máis importante é tratar ben a xente, con agarimo. Vivimos en sociedades moi desnaturalizadas e individualistas e a proximidade fai que os peregrinos se sintan cómodos. Tamén debemos defender a cociña de produto de cada lugar, propia da nosa cultura gastronómica, algo no que insistimos desde a Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés.

Portomarín coida cada vez máis a súa imaxe de localidade turística.

O aspecto do pobo mellorou moito nos últimos anos. Ten unha apariencia impecable, e así o aprecian os visitantes, pero sempre quedan cousas por facer, como a creación de dúas grandes áreas de aparcamento para esas datas nas que o pobo está ata os topes de xente, o cal permitiría facer peonil a zona antiga. Un dos estacionamentos podería ubicarse no Campo daFeira e o outro na zona oposta, de xeito que se poida aparcar en cada entrada ou saída do pobo e pasear libremente polo casco.

Como lle sentou que a Deputación propuxese como secretaria accidental á dona dun concelleiro socialista?

Moléstame ver que na política búscase cada vez menos o beneficio da sociedade e prevalecen os intereses de partido ou individuais. Prefiro non entrar en cuestións de carácter persoal. A carta do presidente da Deputación sinalaba que se trata dunha persoa de gran valía, unha valoración que acepto, pero non entendo que aluda tamén ao seu prestixio, pois este adquírese co tempo. Para asesorar xuridicamente aos concellos, a Deputación debe buscar a excelencia e unha dilatada experiencia profesional máis que o perfil político, propio dun cargo de confianza. Estas persoas teñen que estar ao servizo dos concellos, non dos partidos.

Din que vostede é un dos poucos alcaldes lucenses con fío directo con Núñez Feijóo.

Feijóo, cando se pon o traxe de presidente da Xunta, non ten amigos, senón un único referente: Galicia. Cando quere saber algo trata de non errar e contrastar a información, como os bos xornalistas. Eu presumo de ser un alcalde de aldea que algunha vez fun requerido para expoñerlle algunha cuestión e tratei de atender as súas demandas con humildade e franqueza. Non sei se isto contesta á túa pregunta. Levámonos... e creo que ben.

Ten pensado presentarse para un cuarto mandato?

Tomei a firme decisión de deixar a alcaldía cando remate o actual. Sempre defendín que a actividade pública tiña que estar limitada aos oito anos, dito sexa con todo o respecto cara aos compañeiros que levan máis tempo, xa que se trata dunha decisión persoal. Despois dun segundo mandato, insistíronme en que seguise e accedín, pero teño moi claro que me quedan dous anos. É máis doado mover a catedral de Santiago que eu opte á reelección. Iso non quita de que siga participando se mo require o partido, pero dou por concluída a miña etapa como rexedor.

Sempre foi un político botado para diante cando tiña clara unha actuación?

Cando gobernas debes pensar no mellor para os teus veciños. Lembro que cando me presentei á miña primeira reelección colocamos bolardos nos accesos ao centro histórico. Os meus compañeiros de candidatura pedíronme que non o fixese, que corríamos o risco de perder os comicios, pero executei o proxecto porque pensei que era beneficioso para o pobo. Non me gusta facer política en función das enquisas de satisfacción.

Falando do PP lucense, que lle pareceu a substitución de José Manuel Balseiro como delegado territorial da Xunta en Lugo?

Son dos que penso que fixo un gran papel tanto na súa anterior etapa como deputado autonómico como no cargo de delegado territorial. É algo que non discute ninguén, aínda que con isto non quero dicir que o actual delegado non o vaia facer ben. Se consideramos que o traballo, o mérito e o sacrificio merecen recompensa, entendo que Balseiro deixou o posto por vontade propia. Sempre foi un home que se moveu en clave de partido.

"É máis doado mover a catedral de Santiago que que eu opte á...
Comentarios