O lobo mata as 16 ovellas dunha explotación en Castroverde

O ataque ao gando ovino produciuse en dúas vagas, unha durante a tarde deste mércores e outra na madrugada deste xoves
Unha ovella morta polo ataque do lobo.   EP
photo_camera Unha ovella morta polo ataque do lobo. EP

Unha explotación gandeira situada no lugar de Vilafrío, na parroquia de Barredo (Castroverde), sufriu esta semana un ataque do lobo que acabou coa totalidade do rabaño de ovellas que se atopaban alí pacendo.

"Producíronse dous ataques. O primeiro deles, á tardiña do mércores e, o outro, xa de madrugada. Trece ovellas faleceron no acto, mentres que outras tres quedaron gravemente feridas e imos ter que sacrificalas", explican os propietarios desta explotación en extensivo. Tamén indican que en canto viron as ovellas mortas procederon a chamar á Consellería de Medio Ambiente a través do 012 e deixáronas no lugar ata este xoves, sen manipulalas para non interferir no labor de investigación dos axentes. Ao día seguinte, atopáronse con outros dous animais "abertos".

Os gandeiros pensan que o ataque é obra de cando menos dous lobos, debido ás súas dimensións e á rapidez coa que se executou.

Os 18 años que teñen non sufriron ningún dano. A pesar disto, os propietarios indican que van ter que sacrificalos, xa que continuar coa súa cría sen ovellas sería un gasto inasumible.

Os gandeiros aseguran que é a primeira ocasión que son vítimas dun ataque destas características, aínda que son sabedores da existencia do cánido na zona. "Xusto estes días un veciño viu dous lobos a un quilómetro de aquí, o que nos confirmou a súa presenza".

Ademais, agardan recibir as indemnizacións da Xunta de Galicia con celeridade para paliar unhas perdas que, segundo estiman, se sitúan arredor dos 1.700 euros e así recuperar a súa actividade.

É o primeiro ataque que sofren nesta explotación, cuxos donos estiman en preto de 2.000 euros as perdas ocasionadas

MÁIS ATAQUES. Episodios coma este sucédense por toda a provincia entre o malestar dos gandeiros que ven ameazado o seu modo de vida e unha lexislación que garante a protección desta especie animal, salvo en casos excepcionais nos que causen prexuízos importantes e fallen todas as medidas de prevención. Nos últimos tempos, a contorna dos Montes de Buio e a Serra do Xistral, na Mariña, foi un dos lugares máis afectados polos ataques deste animal salvaxe.

Comentarios