A literatura luguesa sobresae na XIII edición da gala do Terras do Chamoso

Poetas e narradores da provincia recolleron a meirande parte dos galardóns do certame
2019122217312439987
photo_camera Actuación de A Legua Dereita durante o inicio da gala. EP

O certame literario Terras do Chamoso cumpriu 13 anos nunha edición que veu marcada polo recoñecemento da literatura luguesa. Da provincia foron a meirande parte dos poetas e escritores galardoados, que onte á tarde celebraron, contra vento e Fabien, a palabra e a música no centro sociocultural do Corgo. A gala estivo marcada polo paso do temporal, e o corte deulle ao acto unha intimidade especial aos poucos minutos de comezar.

O acto contou coa presenza de Benedicta Sánchez, a quen "tamén a asociación Arumes do Corgo quixo render homenaxe por todos os méritos logrados este ano", indicou onte Mario Outeiro, un dos impulsores deste certame a través da asociación.

Este é o segundo ano no que, ademais dos premios en poesía e relato nas cateogorías infantil, xuvenil e adulta, a gala repartiu o premio A Legua Dereita, que recoñece na modalidade narrativa as obras infantís sobresaíntes polo seu vencello coa cultura tradicional, que neste caso foi a de Valle Reija Lamela, A malla xa chegou.

Tamén Erika Trashorras Pérez (Castroverde), Adrián Río Taboada (Lugo) e Javier Dorado (Baleira) recolleron os seus respectivos premios nesta categoría, nunha iniciativa que buscou dende o inicio establecer pontes co sistema educativo. "Cando botamos a andar o certame, fixémolo co da Pipa de Becerreá como referencia", explicou Outeiro.

Na categoría xuvenil, foron galardoados Sara Rodríguez (Monforte), Brais Viso (Ourense), Beatriz Gómez (Cervantes) e Sandra Rodríguez (Monforte). Nesta edición, os adultos que recolleron o seu premio na gala foron Martiño Maseda (Vilalba), Xosé Antón Núñez (Lugo), Rosario Valcárcel (Poio) e Emilio Silva (Lugo). Todos eles deron voz aos seus textos onte nun acto no que estiveron acompañados por familiares e amigos.

Os premios foron modelados polas mans do ceramista Lolo de Anseán, e acompañados dun diploma, un lote de libros, un libro dixital e un libro electrónico.

A actuación musical de Castelos&Esqueira puxo a nota final a un certame que buscar sacar brilo á lingua galega. "A pesar do difícil que é manter unha actividade así, a literatura ten forza en Galicia e en Lugo. Este ano recibimos cerca de cen traballos", concluía Outeiro.

Comentarios