José Ángel Santos: "Somos un dos concellos coa taxa de paro máis baixa de toda Galicia"

O rexedor de Friol amósase satisfeito polo traballo realizado polo seu equipo de goberno no primeiro mandato en 26 anos sen Antonio Muiña á fronte

José Ángel Santos. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera José Ángel Santos. VICTORIA RODRÍGUEZ

JOSÉ ÁNGEL SANTOS VE o día a día como o principal reto dun rexedor. Máis alá de proxectos a longo prazo ou grandes obras, o alcalde de Friol cre que un responsable municipal ten que estar pendente das necesidades cotiás dos veciños. Por iso o que máis orgullo lle produce no seu mandato é comprobar que cada vez hai máis xente con emprego no concello.

Está a afrontar o seu primeiro mandato na alcaldía. Contento?

Creo que os resultados son positivos. Ao comezo do mandato había problemas económicos no país que repercutían no financiamento dos concellos, pero desde a metade parece que se moveu a economía dun xeito positivo e conseguimos moitos fondos externos, que nos permiten afrontar os proxectos que tiñamos en mente.

Friol viña dun alcalde, Antonio Muiña, que estivo moito tempo. Nada menos que 26 anos. Resultou fácil a transición?

Foi doada porque levo como concelleiro desde 2007 e no 2012 fun tenente de alcalde. Levo tempo mantendo unha relación coa xestión municipal e foi sinxelo. Si que é certo que quizais a responsabilidade cambia.

De que se sente máis satisfeito?

A xente nova estase instalando nas explotacións gandeiras, cando isto antes non sucedía porque non se daban as ferramentas adecuadas. O sector primario, concretamente o do leite, está máis ou menos estabilizado, cunha rendibilidade axeitada, aínda que a porcentaxe podería ser mellor. En Friol, o ano pasado fomos o concello con máis incorporacións da provincia, 38. Outro dos piares fundamentais é o polígono. Temos catro emprendedores traballando no viveiro de empresas que xeran postos de traballo. A raíz de aí, estanse instalando negocios no polígono. Son dúas satisfaccións moi importantes para o goberno.

Recuperar o rural e crear emprego na industria. O que quere case que toda Galicia...

Unha das nosas metas era baixar a porcentaxe de desemprego. Saíron os datos recentemente e somos un dos concellos coa taxa de paro máis baixa. Creo que andamos nos 118 desempregados, un 5,5%, cando a porcentaxe da comunidade anda por un 14% e no ámbito estatal, en torno ao 16%.

Algún momento malo tamén viviría ao longo do mandato. Aquelas semanas coas dimisións de Antonio Muiña como presidente da agrupación local do PP e Isabel García Pacín como tenente de alcalde foron as peores?

Posiblemente. Eu sempre dixen que considero a Muiña como un dos mellores alcaldes, se non o mellor, da historia de Friol. É unha gran persoa. Pero ao longo do primeiro ano houbo algunhas diferenzas na xestión; eu tiña un punto de vista distinto. O feito de que se apartara naquel momento fala moi ben do tipo de persoa que é. Coa tenente de alcalde había tamén diferenzas. Tiña unha liña de xestión municipal diferente e eu intentei cambiala. Cada un é libre de opinar e facer o que considere oportuno.

Cre que esa renuncia de dous dos pesos pesados en Friol lle pode pasar factura nas eleccións?

Non me preocupa. A min o que me preocupa é traballar para os veciños. E serán eles os que dirán se o fixemos ben ou mal.

Como está agora o equipo de goberno?

Somos un equipo de goberno sólido, cohesionado e traballador. Os veciños dirán se o fixemos ben ou mal nun exame que pasaremos dentro duns meses.

Vaise colocar na primeira fila para ese exame?

Quedan moitos meses por diante. Hai que xuntarse co equipo de goberno, do partido local de Friol e coa dirección provincial para estudar as posibilidades.

Se o partido quere, estaría disposto a encabezar a lista?

Se os compañeiros están de acordo hai varios proxectos que me gustaría ver terminados. Pero se a elección é outra, estarei a disposición do partido para o que me necesite e traballarei co cabeza de lista para que Friol siga medrando.

Cales son eses proxectos que quere ver terminados?

Ver a metade do polígono con actividade. Actualmente está a un 30%, pero gustaríame que estivera como mínimo rondando o 60%. E despois outro reto e a construción do centro de maiores.

Comentarios