Un ilustre castroverdense esquecido

O prestixioso oculista castroverdense Jerónimo Sal Lence caeu no esquecemento entre acusacións de apoio ao franquismo. Case 60 anos despois da súa morte, no colexio construído coas súas doazóns na Coruña, onde se asentou, descubriron un perfil moi diferente, marcado polo seu galeguismo e o seu labor altruísta

Sal Lence, na consulta. REAL ACADEMIA GALEGA
photo_camera Sal Lence, na consulta. REAL ACADEMIA GALEGA

OFTALMÓLOGO DE prestixio, membro da Real Academia Galega, defensor da radio e do tren como ferramentas de progreso, colaborador na xestación do fallido Estatuto de Autonomía de 1936... A traxectoria do castroverdense Jerónimo Sal Lence na primeira metade do século XX é tan destacada como descoñecida hoxe en día ata no concello onde naceu, que seguiu visitando ata a súa morte, en 1960.

O seu pasado como médico militar e unha frase —"¡Franco, Franco. Arriba España, viva España!"—, que pronunciou en 1940 na inauguración do colexio construído coas súas doazóns na Coruña, onde se asentou, levaron a vinculalo coa ditadura franquista.

Mesmo a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica reclamou que se lle retirara o seu nome a ese centro. Foi no 2009 e profesores do Ceip Sal Lence, que discrepaban desa decisión, iniciaron unha investigación sobre a súa figura que revelou un perfil moi diferente, marcado polas súas conviccións galeguistas e o seu labor altruísta. A principal fonte documental nese traballo coordinado pola directora do Ceip, Victoria Vilarelle, foi o arquivo militar, pero tamén se rastrexaron outros, ademais de xornais da época.

Segundo o seu expediente castrense, Jerónimo Sal Lence naceu en 1883 na parroquia castroverdense de Arcos, aínda que outros documentos sitúan ese fito en 1882 e en Recesende, parroquia onde segue en pé a casa familiar, en Penalonga. Fillo de Filomena Lence Ferreiro e Serafín Sal Otero —un dos primeiros presidentes do Colexio de Médicos de Lugo—, cursou Medicina en Santiago e ampliou estudos en París, unha etapa decisiva para impulsar a súa carreira. Como médico militar, foi subindo de rango ata ser nomeado comandante médico e tras varios destinos, como Alcalá de Henares ou Ceuta, asentouse na Coruña, onde casou en 1910 con Josefina Hervada García. Un ano despois tiveron o seu único fillo, Jerónimo Sal-Lence Hervada.

O oftalmólogo foi un dos impulsores da candidatura ás Cortes, en 1933, do histórico galeguista Ramón Suárez Picallo

Un dos profesores do Ceip que participou nesta investigación, Rafael Rey, explica que, trala súa traxectoria como médico castrense, Sal Lence pasou á reserva a finais dos anos 20 e conseguiu por oposición unha praza de oculista no Sanatorio Marítimo de Oza, onde se gañou o recoñecemento profesional co seu labor e coa súa actividade divulgadora, publicando varios manuais de referencia.

Naquela época eran habituais en El Progreso as noticias sobre a súa actividade e distincións. Destaca, por curiosa, unha sobre a curación dunha veciña de Lugo que, tras tres anos cega, foi operada por el e "en menos de un mes" recuperou a vista. En paralelo a esa actividad, Sal Lence tamén colaborou altruistamente na coruñesa Policlínica Gratuíta, que atendía persoas sen recursos.

FACETA POLÍTICA. Igualmente destacada é a súa traxectoria política, descoñecida ata agora. Un artigo publicado o 6 de febreiro de 1933 polo xornal El Compostelano, que se facía eco dunha das súas conferencias, resume o seu ideario.

Esa información, escrita en castelán, arranca salientando que "el ilustre doctor se expresó en gallego, como hace siempre que habla en público, por pertenecer al Partido Galleguista", e resalta a posición de Sal Lence en defensa da radio, o Estatuto e a autonomía.

Foi un dos promotores da candidatura ás Cortes en 1933 de Ramón Suárez Picallo, figura clave do galeguismo

"Empezó haciendo un llamamiento cordial a todos los gallegos para realizar en conjunto una labor fraternal en favor del Estatuto", reflicte o artigo, que tamén di que Sal Lence defendeu que "no existe otra región con características culturales, históricas y económicas más acusadas que la nuestra, y que alcanzada la autonomía por Cataluña, si nosotros no la consiguiésemos, quedaríamos reducidos a la categoría de región de segunda clase".

O diario tamén reproduce algúns "particularismos que requieren de un régimen especial", segundo o oftalmólogo, como "los problemas de la enseñanza rural, régimen agrario, comunicaciones ferroviarias, repoblación forestal, turismo y ordenación de aguas".

Nese texto, Sal Lence tamén enxalza a radio como "medio formidable de civilizar a los pueblos" e aposta por "dotar a los ayuntamientos rurales de aparatos receptores adecuados", ao ser idóneo para transmitir coñecemento.

No eido político, tamén foi un dos promotores da candidatura ás Cortes en 1933 de Ramón Suárez Picallo, figura clave do galeguismo. O propio Picallo cóntallo por carta a Casares Quiroga, daquela ministro de Gobernación: "Un caballero con el que jamás cruzara palabra, el doctor Sal Lence, propuso al auditorio que se me propusiera como candidato a diputado por mi provincia natal. El público apoyó fervorosamente la proposición y al otro día apareció mi nombre en la candidatura oficial de Federación Republicana Gallega".

Deixou a carreira militar en 1928, moito antes do golpe de Estado

A única sombra nesta investigación é a alusión en prensa a esa proclama proFranco na inauguración do colexio, erixido nun solar e nuns inmobles doados por Sal Lence en memoria do seu fillo, falecido en Oviedo nun accidente aéreo na Guerra Civil, en 1936.

O profesor Rafael Rey insiste en que esa proclama illada, oposta ao resto dos achados, non é "un argumento de peso" para vincular o oculista coa ditadura. Enmarca esa frase no medo entre a xente de ideas galeguistas e republicanas tralo triunfo dos golpistas: "Uns marcharon ao exilio e outros calaron para non estar ante un pelotón de fusilamento".

Para Rey hai "un dato esclarecedor" da falta de lazos de Sal Lence coa ditadura: "Deixou a carreira militar en 1928, moito antes do golpe de Estado". Tamén interpreta como unha represalia que tivese que litigar co Goberno pola súa praza no sanatorio de Oza, xa que non lle deron a razón ata 1953, cando tiña máis de 70 anos.

Este intenso traballo investigador xa deu os seus froitos e Educación non ten previsto cambiar o nome do centro. A teima do Ceip é agora dar a coñecer ese legado de Sal Lence.

Rita Sánchez Andrade. XESÚS PONTE

Recordos familiares ►Non falaba de política e marcouno a morte do seu fillo
Malia o marcado perfil político deste prestixioso oculista, a familia que conserva hoxe en Lugo e Castroverde descoñecía esa faceta. Explícao Rita Sánchez- Andrade, quen é neta da irmá de Jerónimo, Amalia Sal Lence. "Nunca pensamos que fuese adepto al régimen de Franco, ni mucho menos, pero siempre lo vimos como oculista, como profesional médico. Nunca lo oímos hablar de política", explica.

Chegou a coñecelo porque, ata a súa morte, el sempre ía uns días polo verán á casa familiar de Penalonga. Ela era moi nena e o pouco que lembra del é que era unha persoa reservada e cando chegaba a Castroverde había un tema "tabú" na casa: "No se podía hablar de su hijo, quedó traumatizado por su muerte".

A familia conserva, entre outros recordos, fotos súas como unha de 1906 na que manda saúdos desde París ou outra coa muller e o fillo (na imaxe). Tamén garda o seu expediente académico. "Era muy estudioso, casi todas sus calificaciones en la carrera eran de matrícula", desvela Rita SánchezAndrade. "Estamos muy agradecidos por esta labor de los profesores por reivindicar su figura, nos contaron cosas que no conocíamos", resume desa investigación do Ceip.

 

Comentarios