Outeiro de Rei: o grande escaparate dos produtos artesáns

O municipio retomou tras dous anos a súa feira de artesanía e alimentación, que atraeu numerosa xente de toda a xornada
Demostración dun oleiro. SEBAS SENANDE
photo_camera Demostración dun oleiro. SEBAS SENANDE

Se había algunha incerteza sobre a resposta da xente ante o regreso da Feira de Artesanía de Outeiro de Rei tras dous anos sen celebrarse, esta cita volveu se cabe con máis forza e consolidouse como un grande escaparate dos oficios tradicionais e dos produtos alimentarios de calidade. A capital municipal e a contorna da área recreativa de Santa Isabel recibiron numerosos visitantes durante toda a xornada, co reclamo desa oferta artesá e gastronómica e dun amplo programa lúdico.

undefined
Un dos postos da feira. SEBAS SENANDE

O arranque da décimo cuarta edición estivo marcado pola solidariedade, xa que a primera cita na programación, ás dez e media da mañá, foi unha andaina popular para recadar fondos a favor de Somos Unidos por el Cáncer. Esa marcha, de cinco quilómetros, foi xa un bo termómetro para deixar atrás as dúbidas sobre o seguimento que tería a feira, xa que se sumaron preto dun centenar de persoas.

O Concello, organizador deste evento, xa comprobará de primeira man nas semanas previas o grande interese dos artesáns e produtores por estar presentes en Outeiro de Rei. Así, este sábado xuntáronse uns cen expositores, que ocuparon todo o espazo público delimitado para esa actividade.

undefined
Actuación de 'A Volta do Agro'. SEBAS SENANDE

A falta dun balance final das vendas nos postos, as numerosas visitas recibidas eran o mellor indicativo para os organizadores de que a de este sábado foi unha xornada de bos resultados para moitos expositores ou, cando menos, unha oportunidade inmellorable para darse a coñecer.

Como en anos anteriores, houbo demostracións en vivo de oficios como o dos ferreiros, cesteiros e oleiros, e tamén unha completa oferta lúdica, cunha exhibición de tiro con arco, unha concentración de vehículos clásicos ou a posibilidade de percorrer nun bus turístico distintos puntos do concello, entre outras propostas.

A programación completouse con espectáculos como as actuacións da agrupación tradicional A Volta do Agro, Os Xílgaros de Lugo, a banda de música Son e Soños e o mago Manuel Lamas.

undefined
Obradoiro centrado no ferro. SEBAS SENANDE

BALANCE MOI POSITIVO. Xa cando a xornada chegaba á súa fin, o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, felicitábase desa boa acollida á feira artesá. "A verdade é que estabamos un pouco preocupados por eses dous anos de parón, pero a feira volveu con máis forza que antes", salientou.

Tras destacar que o tempo tamén axudou, indicou que a de este sábado foi unha das feiras artesás máis concorridas, "ao mellor incluso a que máis visitantes recibiu". Como proba, destacou que moita xente optou por quedarse a comer nos postos que había en Santa Isabel, prolongando a súa estancia na feira. "É para estar moi satisfeitos", concluíu José Pardo Lombao.

Comentarios