Os gansos do Nilo non serán sacrificados: vivirán no Avifauna de Outeiro de Rei

Os 14 exemplares que habitan en espazos naturais de Pontevedra trasladaranse ao parque ornitolóxico lucense
La familia de gansos del Nilo cruzando la calle en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Unha familia de gansos do Nilo cruzando a rúa en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

A presión social obriga a dar marcha atrás ao plan de erradicación dos gansos do Nilo en Pontevedra. O Concello tramitou coa Xunta unha alternativa á eliminación destas aves, consideradas por Lei como unha especie invasora. "Ningún dos 14 exemplares censados será sacrificado", asegurou este luns o concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes, a través dun comunicado de prensa. O seu destino será outro: o centro zoolóxico ornitolóxico Avifauna, situado no municipio lucense de Outeiro do Rei, 

A pesar de que a estas anátidas íaselles a practicar a eutanasia pola imposibilidade de recolocalas no seu hábitat natural, o continente africano, a solución agora é o seu traslado ao centro ornitolóxico.  O edil socialista agradece a boa disposición do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta, "que xa está a realizar as xestións para que as aves exóticas poidan ser trasladadas a este parque de conservación da natureza". "Avifauna asegura que ten capacidade para todos eles nas súas instalacións, polo que, tal e como avanzamos, estarán nas mellores condicións posibles", sinala nun comunicado.

A Administración autonómica solicitou o pasado mes de marzo a Pontevedra iniciar unha campaña "para a captura e eliminación da especie do lugar no que habitualmente se sitúa", isto é, na contorna do Gafos, na praia fluvial do Lérez e en Augusto González Besada. 

Iván Pontes, edil de Medio Natural
"Avifauna asegura que ten capacidade para todos eles nas súas instalacións, polo que estarán nas mellores condicións posibles"

Unha vez recibido o permiso correspondente, os exemplares que se capturen (de momento localizáronse tres parellas e oito pitos) serán trasladados ás instalacións que ten a empresa encargada da campaña municipal, Larus Control, para a súa desparasitación. 

Cando se materialice o traslado ao centro, os gansos exipcios serán controlados para evitar que se reproduzan e poidan completar o seu ciclo vital ata a súa morte natural. "Non se vai dar ningún paso que implique a eutanasia destes animais", subliñou Puentes.

A campaña inicial de erradicación desta especie invasora xerou unha iniciativa cidadá a través da plataforma change.orgA súa posta en marcha tamén se coou no Pleno municipal celebrado este luns no Teatro Principal. "Non sei se é vostede un metepatas ou un matapatos", díxolle o portavoz do PP, Rafa Domínguez, ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. O Goberno local respondeu o comentario a través do edil Cesáreo Mosquera (BNG), que lle recordou ao líder do principal partido da oposición que a eliminación desta especie foi solicitada por Medio Ambiente. "A Xunta manda que se erradiquen os patos, di o método polo que se fai e, despois, resulta que a culpa é do alcalde", sinalou o concelleiro nacionalista, que afirmou que o Concello "non tiña a intención de meterse cos preciosos e agresivos patos". "Nin de coña. Ninguén deste Goberno. Ninguén", resolveu.

No escrito enviado pola Consellería de Medio Ambiente a Pontevedra faise constar que estas especies son invasoras. O informe recolle que a orixe da expansión desta ave por Europa produciuse como consecuencia da fuga de exemplares de parques e coleccións privadas."En Holanda, a súa taxa de crecemento anual estímase en torno ao 28% dende que en 1999 se estableceu de maneira silvestre. Os principais problemas que ocasiona esta especie son o seu comportamento dominante e agresivo con outras aves, o que provoca o desprazamento de especies autóctonas, chegando nalgúns casos á extinción. Tamén algunhas investigacións apuntan ao risco potencial de contaminación de augas a causa das súas deposicións en zonas recreativas e á posibilidade de converterse en transmisores de enfermidades como a gripe aviar", indica o documento autonómico, que recorda que "a Comisión Europea considera que a estratexia europea de especies exóticas debe prestar unha especial atención á toma de medidas nos momentos iniciais do asentamento dunha destas especies".

Comentarios