A friolesa Estela Villarabide representou España nun foro de xuventude en Exipto

Redactou dúas declaracións sobre o cambio climático e o emprego xuvenil que chegarán aos ministerios responsables en 43 países
Estela Villarabide, no World Youth Forum en Sharm El-Sheik. EP
photo_camera Estela Villarabide, no World Youth Forum en Sharm El-Sheik. EP

Este mércores é o último día en Exipto para a friolesa Estela Villarabide Varela, que pasou alí as últimas semanas como participante na terceira edición do World Youth Forum, na cidade exipcia de Sharm El-Sheik.

Pero, para entender este último día cómpre citar unha frase que lle dixo unha amiga, e non se quita da mente: "A vida empúxate, e hai que deixarse empuxar", indica. Iso, para ela, implica estar atenta. Por iso, cando viu o anuncio desta iniciativa exipcia en LinkedIn, decidiu presentar a súa candidatura. En outubro dixéronlle que fora seleccionada canda outras persoas mozas dos 28 países da Unión Europea e 15 de África septentrional e Oriente Medio para facer oír a súa voz ante xefes de estado e altos funcionarios de distintos países. No seu caso, representando España.

O ano que vén acabará os seus estudos universitarios na Universidad Carlos III de Madrid, cun dobre grao de relacións internacionais e ciencias políticas que lle permitirá, ademais, obter un minor (formación académica complementaria) en xornalismo. Por iso, é momento de deixar que a vida empuxe. De empuxala.

O foro durou catro días, pero ela estivo moitos máis, traballando, canda o outro representante de España, na redacción de dúas declaracións ministeriais sobre a loita contra o cambio climático e o desenvolvemento de emprego xuvenil, que defendeu nunha simulación dun foro de Unión polo Mediterráneo.

"Adoro o meu pobo e síntome moi orgullosa de ser de alí"

"Sempre me gusta traballar sobre un punto, que neste caso foi conseguir o respaldo da declaración de emerxencia climática por parte de Unión por el Mediterráneo, que se convertería na primeira organización interrexional en declarala. Con respecto ao emprego para xente moza, propuxemos a creación dunha plataforma que recollese ofertas laborais en toda a zona", explica. Dúas cuestións que chegarán aos ministerios responsables dos 43 países, pero que ocupan o seu día a día, "no muro que sentimos as persoas da miña idade -21 anos- con respecto ao emprego", por unha banda, "e coa frustración de que os líderes non actúen para frear a emerxencia climática e todo quede en papel mollado", engade.

"Tamén falamos doutras cousas, que non somos tan intensos", bromea, sobre estes días en Exipto. Por exemplo, de Friol: "Adoro o meu pobo e síntome moi orgullosa de ser de alí". Do frío que vai en Montreal, onde estudou un ano de carreira, ou do bacharelato en Estados Unidos, becada pola Fundación Barrié e Amancio Ortega. Do que as viaxes provocan dentro: "Esa sensación de que algo che vai cambiar, de que vai florecer. Síntoo agora en Exipto, como tamén o sentín en Cuba. E é que, por desgraza, como europea levo comigo moitos estereotipos e celebro cando caen, ao pouco tempo de estar nun sitio", confesa.

Advirte de que a chamada por whatsapp pode cortarse, e efectivamente sucede. "O goberno córtaas, por seguridade. Aquí é total, escaneáronnos de arriba abaixo durante todo o evento", indica. Por sorte, a chamada da vida, a que empuxa, esa non se corta tan facilmente.

Comentarios