Friol destina 400.000 euros a pavimentación e a melloras no alumeado público

Están en marcha tres proxectos de mellora de estradas e de accesos viarios e outro de aforro e eficiencia enerxética na iluminación
Unha das vías intervidas. EP
photo_camera Unha das vías intervidas. EP

O Concello de Friol está realizando tres proxectos de acondicionamento das vías municipais en varios puntos do municipio e outra de mellora do alumeado público. Entre todas suman un custo de case 400.000 euros.

Estanse levando a cabo labores de mellora da pista de Bernadal a Freiría e dos accesos a San Román, A Grela, Xulacasa, Portonovo, Cerracín e ao centro social do Pacio.

Tamén se están desenvolvendo tarefas de pavimentación na vía que percorre Currás, a Torre da Luz e Xiá, e por outro lado nas vías de acceso aos núcleos da Casanova, Prado e Castrodá.

Un cuarto proxecto ten como obxectivo aumentar o aforro e a eficiencia enerxética a través dunha intervención no alumeado público de Cimadevila, Pena e Ramelle.

Os tres primeiros proxectos de mellora viaria están financiados polo plan único da Deputación de Lugo, e a iniciativa de rendemento enerxético está subvencionada polo Fondo de Compensación Ambiental.

O equipo de goberno, presidido por José Ángel Santos, recalca a importancia destas melloras para a poboación de Friol. O alcalde remarca que as obras van "facilitar os desprazamentos diarios dos veciños e dos visitantes".

Santos explica que o firme das calzadas intervidas se atopaba en mal estado debido ao paso de maquinaria agrícola e forestal, sumado ao tráfico habitual, ás condicións atmosféricas e ao paso dos anos. Cos cambios na iluminación pretenden conseguir unha redución de custos e do mantemento das instalacións, así como das emisións de dióxido de carbono e outros gases de efecto invernadoiro.

Comentarios