Friol inviste 150.000 euros na mellora de accesos rurais

As obras benefician a catro parroquias e facilitan o uso de parcelas
undefined
photo_camera Traballos de reparación de accesos en Friol. EP

O equipo de goberno de Friol investirá 150.000 euros en obras de mellora de accesos rurais. Un dos proxectos contempla o arranxo de camiños municipais nas parroquias de Nodar, A Bouza, Pedrido e Guldriz de Arriba. A outra actuación consiste na pavimentación da vía que une este último núcleo e A Boleta.

En Nodar procédese ao acondicionamento do acceso a parcelas e edificacións agrícolas deste núcleo e de Vilariño. Na Bouza vaise amañar un camiño que dá servizo a instalacións agrícolas da parroquia de Silvela.

Tamén se executan traballos nun camiño de Pedrido, na parroquia de Carlín, que conecta parcelas agrícolas ata o centro de Arga de Arriba. A obra prevista en Guldriz de Arriba afecta a un camiño deste núcleo que sirve de conexión con Vilares.

O adecentamento de camiños de parcelas agrícolas conta cunha subvención de 86.287 euros por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dentro do seu plan para 2021 e 2022.

O Concello tamén aportará fondos propios. Para a pavimentación da estrada entre Guldriz de Arriba e A Boleta, que presenta un mal estado de conservación, o goberno de Friol acadou unha axuda da Vicepresidencia Primeira, dentro do programa de mellora de infraestruturas e equipamentos municipais.

O alcalde, José Ángel Santos, apuntou que se trata de "obras importantes para a poboación de Friol, xa que benefician a catro parrroquias e, en xeral, a gran parte da veciñanza".

Santos recalcou que o traballo do executivo local "céntrase en conseguir que os nosos veciños teñan a mellor calidade de vida posible e poidan desenvolver o seu traballo con comodidade para o cal é vital ter en bo estado os accesos ás fincas".

Comentarios