Friol fomenta dende a nenez o amor pola cultura

A implicación do CPI na formación e na difusión do patrimonio vese clave para preservar e valorizar o concello
Torre de Friol. EP
photo_camera Torre de Friol. EP

EDUCACIÓN e cultura van da man. En Friol téñeno claro. O alcalde, José Ángel Santos, incidiu en que "a fórmula idónea" é que sexan os nenos, xa dende pequenos, os que axuden a impulsar e difundir a riqueza do municipio, e para iso, teñen que coñeceza e querela. "A cultura do pobo tense que impulsar dende os máis novos, os nenos axudan moito a facer unha boa exposición ao exterior do que ten Friol", dixo o rexedor, avogando porque Concello e centro educativo traballen conxuntamente. 

"A adscrición á cultura, a calquera tipo de hábito, ten que empezar na infancia", coincidía o director do CPI Doutor López Suárez, Felipe Barata, avalado por 30 anos de traballo cos máis pequenos, sobre todo no eido deportivo, aínda que no centro que dirixe se está a ir moito máis alá, por exemplo coa música, que "tivo un éxito grande" no CPI, auspiciada pola escola de música mancomundada, unha experiencia, referendou Barata, "moi bonita". 

"Estou no mellor colexio do mundo, os nenos do rural son unha bendición", aseguraba tamén o director, defendendo que "no rural, a nivel educativo, pódense facer moitos proxectos fantásticos e marabillosos, porque temos o principal, a materia prima". Mais, lembrou, é necesario crear sinerxias coa administracións para poder sacar adiante iniciativas que vaian máis alá do mero programa lectivo obrigatorio e para dispoñer de infraestruturas que permitan materializar esas ideas. Outra peza fundamental son as familias, porque calquera proxecto que leve a cabo, indicou o docente, ten ter o seu apoio. E por iso, dende o CPI van dar un paso máis e de cara ao vindeiro curso prevén crear unha Escola de Pais, porque, segundo precisou, "pódense facer auténticas marabillas, se temos familia, profesorado e alumnado traballando xuntos". "Os valores que se traballan na educación e no deporte son beneficiosos para o día a día", incidiu o responsable escolar, que tamén precisaba que "calquera proxecto que se leve a cabo dende a educación, e traballando conxuntamente, ben sexa dende o ámbito deportivo ou ben dende o cultural, vai ser patrimonio vivo, inmaterial, durante xeracións". Porque, lembrou, o que lle dá "impronta" a pobos, vilas e cidades é o "patrimonio humano que as conforma". 

O Concello reclama formación axeitada á demandaa da zona e o centro educativo creará a escola de país

"En ningunha cidade hai a calidade educativa que temos nos nosos colexios", insistía pola súa banda o rexedor de Friol, que tamén quixo valorizar a educación nas zonas rurais, "máis personalizada", con aulas con menos alumnos, onde os docentes os coñecen mellor e poden adaptarse a eles e apoialos. 

José Ángel Santos enlazou esa valorización das escolas das zonas rurais coa seguinte etapa vital e a importancia de contar cunha oferta formativa acorde á realidade social. Así, ve necesario que a administración competente estude a demanda laboral que hai en cada territorio para ofrecer posibilidades lectivas acordes a esta. 

Santos recoñeceu que hai carencias, coma a falta de man de obra, tanto na hostelería, clave para esa dinamización que se busca dos municipios, como noutros sectores coma o dos oficios. "Será un problema a curto prazo, vaise incrementar o que xa é un problema agora", explicou, lanzando un requerimento ao que tamén se sumaba Felipe Barata: "Non necesitamos unha sociedade de dous mil avogados (...), necesitamos tamén artesáns, mecánicos, carpinteiros... hai unha carencia hoxe na sociedade", precisou o docente. 

"No rural trabállase moito e ben, e hai que incidir niso", sentenciaba Barata, que indicaba ademais que, como profesor de Educación Física, el debía ser "un bo comercial do deporte". É máis, engadía, "todos os profesores, músicos, artesáns... temos que ser, aparte de xestores e de buscar o mellor para a nosa parcela, un pouco comerciais". 

Esa relevancia de estar non só satisfeito co que fas, senón tamén o saber transmitilo, levouno a recordar outro aspecto básico para sacar adiante propostas do tecido cultural e educativo, máis alá do sempre imprescindible financiamento, a "ilusión"

"O crer no que estás facendo é o que move todo, sexa a nivel político, cultural, patrimonial...", asegurou, citando un relato do pedagogo José Antonio Marina, moi acaído co título deste foro. Na época de construción das grandes catedrais, unha persoa achegouse para falar cos canteiros e preguntarlles que facían: o primeiro queixouse de todo, o segundo non vía a hora de marchar e o terceiro manifestaba, con orgullo, que estaba a facer unha catedral. 

"Aí está a diferencia de calquera traballo, esa é a perspectiva que temos que ter do noso traballo e eu, no meu posto, o que teño é que facerlle crer ao neno que está facendo catedrais", concluíu o mestre.

Comentarios