As festas de Rábade volven co Subidón dos Avós e sete formacións musicais

A XX Esbatuxada polo Miño será outro dos grandes reclamos ► O XXVI Rabafolc dará comezo aos festexos o venres
Participantes na primeira edición do Subidón dos Avós, en 2018. EP
photo_camera Participantes na primeira edición do Subidón dos Avós, en 2018. EP

As festas de verán de Rábade recuperan toda a súa programación este ano. Durante os seis días que durarán os festexos, dende o venres 12 ao mércores 17, actuarán sete formacións musicais e volverá celebrarse o popular Subidón dos Avós.

O inicio será o venres ás 21.00 horas co pregón a cargo de Euloxio das Penas Fernández, seguido do estoupido e a traca habituais. Esa mesma noite terá lugar a VIII Cantámoscha coa colaboración dos Estoupacaldeiros, que cumpren 40 anos. Os asistentes tamén poderán desfrutar dunha churrascada popular e, a partir das 22.30 horas, comezará a edición número 26 do festival de música folk Rabafolc, con Treixadura e Mekánika Rolling Band.

O sábado 12 celebrarase nas beiras do Miño unha xira campestre previa á XX Esbatuxada, que comezará ás 18.00 horas, na cal se descenderá o río en embarcacións de fabricación caseira. Unha verbena amenizada polas orquestras Fama e América marcarán o peche da xornada a partir das once.

O luns disputarase o popular Subidón dos Avós, seguido pola XVI Descarga Pirotécnica

O domingo 14 comezará co festival de bandas de música ás 12.30 horas na Prazuela. Pola tarde, ás 18.00 horas, celebrarase o Día da Bicicleta, cunha marcha que sairá dende o campo da feira. Ás 23.00 horas empezará a noite grande de verbena coas actuacións de Atenas e o Combo Dominicano.

Non será ata o luns, ás sete da tade, cando se disputará o popular Subidón dos Avós, seguido pola XVI Descarga Pirotécnica ás 20.30 horas en lembranza de Carlos Rodríguez Núñez da Peña O Foguete. A verbena coa orquestra D"Noche pechará o día.

A banda de rock El Pacto actuará o martes ás dez da noite na Prazuela, cun tributo a Springsteen e outros clásicos do xénero. Contará coa presenza do saxofonista de Fito y Fitipaldis, Javier Alzola.

Rábade pechará as súas festas o mércores a partir das 21.30 horas, coa presentación do videoclip Naturalmente, de Hänselus, e as actuacións de Nya de la Rubia e De Turrens Band.

Comentarios