Ferreira de Pallares enxalza o legado dos vellos artesáns e o valor do seu mosteiro

A feira guntinesa, que viviu unha das edicións máis multitudinarias, tivo de pregoeiro ao escritor Xosé Estévez, quen salientou que os oficios tradicionais chegaron a soster as aldeas
Unha cesteira este domingo en Ferreira de Pallares. XESÚS PONTE
photo_camera Unha cesteira este domingo en Ferreira de Pallares. XESÚS PONTE

A posta en valor do traballo dos vellos artesáns, que no século pasado chegaron a soster moitas aldeas, e do patrimonio que representa o mosteiro de Ferreira de Pallares centraron este domingo una nova edición da feira de oficios tradicionais desta localidade guntinesa, que viviu unha das edicións máis multitudinarias.

Dende as once da mañá, cando abriron os postos, a contorna do convento empezou a encherse pouco a pouco de veciños e visitantes co gran reclamo da decena de artesáns que mostraron os seus artigos e mesmo fixeron demostracións en vivo dos seus oficios. Houbo unha representación moi variada, con profesionais da cestería, do traballo co ferro, da talla de madeira, da xoiería ou da cantería, entre outros.

Un momento da intervención do pregoeiro, Xosé Estévez. XESÚS PONTE
Un momento da intervención do pregoeiro, Xosé Estévez. XESÚS PONTE

Este ano o pregoeiro foi o escritor Xosé Estévez, natural de Pacios, na veciña parroquia de Pradeda, quen recordou a gran pegada dos artesáns na zona. Tras alertar de que se queren introducir cambios normativos no sector cos que perdería protagonismo "o traballo manual fronte á intervención das máquinas", recordou a historia de Ferreira e do seu convento e fixo fincapé na importancia que tiveron os oficios tradicionais nas aldeas, xa que proveron os veciños do que necesitaban no seu día a día durante boa parte do século pasado.

Estévez, quen é autor de novelas e poemarios e coordinador de varias obras colectivas, puxo de exemplo a súa propia familia, pois a súa nai foi cesteira e outros parentes facían zocas. Tamén eloxiou o traballo de canteiros como os que construíron a vivenda onde se criou en Pacios.

Na Festa Artesanal de Ferreira de Pallares tamén tivo protagonismo un dos emblemas de Guntín, o pemento de Mougán, que se cre que chegou á zona dende América da man dun frade do convento. Houbo postos de degustación e venda e tamén se repartiron gratis filloas entre os asistentes.

A cita seguiu cunha concorrida comida de confraternidade no claustro do convento que reuniu decenas de persoas, entre elas a alcaldesa de Guntín, María José Gómez. Na sobremesa sorteáronse varios regalos doados por negocios do concello e da contorna. Ademais, o colectivo organizador, Amigos do Mosteiro de Ferreira, tamén rifou unha cabrita.

A entidade contou co apoio da área de Cultura da Deputación e do Concello para impulsar esta feira, que medra ano tras ano.

Comentarios