lunes. 29.11.2021 |
El tiempo
lunes. 29.11.2021
El tiempo

A febre do ferro en Guntín

Jesús Otero Pereiras, coas instalacións do lavadoiro de Minas de Guntín ao fondo. SEBAS SENANDE
Jesús Otero Pereiras, coas instalacións do lavadoiro de Minas de Guntín ao fondo. SEBAS SENANDE
O último intento realizado a mediados do século XX para extraer ferro de forma industrial nos xacementos da zona centra o traballo de investigación co que este profesor monterrosino se impuxo na última edición do premio Condado de Pallares

O APROVEITAMENTO do ferro na zona limítrofe entre os concellos de Guntín, Portomarín e Monterroso vén de tempos inmemoriais e delátana os numerosos topónimos que fan referencia a esta actividade. Con todo, o último intento por recuperar estes xacementos xurdiu a mediados do século XX, o que motivou unha efémera febre do ferro que levou a moitos a pensar nunha industria que enchería de riqueza toda a comarca.

Precisamente, é nesta etapa na que se centra o traballo de investigación Minas de Guntín. Arqueoloxía industrial na terra de Pallares, co que o profesor monterrosino Jesús Otero Pereiras se impuxo na décimo quinta edición do premio Condado de Pallares.

"A mediados do século XX, coa chegada de novas tecnoloxías, houbo un serio intento por recuperar moitos xacementos da zona que foran abandonados dous séculos antes ao non podérselles sacar o suficiente material", explica Jesús Otero, quen engade que foi na década dos anos cincuenta cando Ramiro Muñiz e José Vicente González -ambos vinculados á minería do volframio- comezan a solicitar licenzas e permisos para sondar e investigar esas antigas explotacións.

Para o autor do traballo galardoado co Conde Pallares a partir dese momento produciuse unha auténtica febre do ferro, alentada polas altas expectativas que os promotores da idea tiñan postas na calidade do material, situándoo, cun 60% de pureza, "como o mellor de España e un dous mellores de Europa" e polo "triunfalismo exacerbado" co que a prensa da época chegou a tratar o proxecto.

A partir dese momento Guntín viviu unha etapa de efervescencia económica, coa construción de novas casas e a chegada de familias que viñan a traballar ás minas, que desembocou o 11 de febreiro de 1961 na constitución da empresa Minas de Guntín S.A., cuxo 48% do capital repartíase entre Ramiro Muñiz e José Vicente González mentres que o 52% restante pertencía ao primeiro conde de Fenosa, Pedro Barrié de la Maza.

De entre os sete permisos de investigación que os promotores desta sociedade solicitaran en anos anteriores, só un deles, o coñecido como Los tres amigos, convértese en explotación. "Constaba de tres xacementos, o de Irixe, O Mazo e Penas Rubias", aínda que foi no primeiro deles onde se construíu unha das instalacións que delatan ese intento de subir "unha comarca ata entón aparentamente illada ao carro do desenvolvemento industrial e a innovación tecnolóxica", asegura Otero Pereiras.

O esqueleto daquela instalación -o lavadoiro no que se libraba ao mineral das impurezas, onde se clasificaba segundo a súa calidade e desde onde se transportaba en camións á estación de ferrocarril de Lugo ou ao porto da Coruña para ser exportado a Alemaña- aínda se pode ver hoxe no lugar de Irixe, a poucos quilómetros do casco urbano de Guntín e nun das marxes da estrada N-547 que vai a Santiago.

"En realidade, o lavadoiro está xa no termo municipal de Monterroso, pero a súa situación non ten nada de casual, xa que está nun lugar estratéxico a poucos metros dun dos xacementos e no cruzamento das estradas que levan a Lugo, Ourense e Santiago", subliña Otero.

O autor do traballo premiado co Conde Pallares tamén sinala outro feito que lle sorprendeu profundamente e que dá idea das altas expectativas que se puxo neste proxecto. "Foi cando Franco inaugurou en 1958 a I Feira Provincial de Lugo e a prensa da época recolle expresamente como se interesa polo potencial mineiro desta zona", afirma Otero no que para el é «posiblemente, a única referencia directa que o ditador fixo a Guntín durante toda a súa etapa á fronte do Estado".

En todo caso, foi todo un soño efémero. Nin a cantidade de produción nin a calidade do ferro era tanto como a esperada e a sociedade Minas de Guntín acabou liquidándose no ano 1966.

A febre do ferro en Guntín
Comentarios