PERFILES

Facer o ben polo ben, teima dun crego rural

Chegou a hora da despedida para Manuel Varela Gorgoso, crego dunha decena de parroquias de Castroverde, despois de 55 anos e cinco meses nos que viviu en familia cos veciños e envolto en promoción de proxectos sociais e culturais
Manuel Varela Gorgoso, en una foto de archivo.AEP
photo_camera Manuel Varela Gorgoso. AEP

VAISE CON 83 anos e co corazón partido. A Manuel Varela Gorgoso cústalle dicir adeus aos seus fregueses. Prefire marchar en silencio e declina homenaxes de agradecemento ao labor social e pastoral que deixa ás súas costas. Foi unha decisión difícil, pero quere "marchar polo meu pé e a miña cabeza de fronte ao Fisterra da miña vida", como lle escribiu aos seus veciños. Desexa colgar a sotana en silencio, pero como a un futbolista que colga as botas, "desgárraseme o corazón ao deixar a esta xente marabillosa". Seguirá vivindo "como un cristián do montón" e coa incerteza de como se adaptará á súa nova vida. Fala cargado de morriña, coa mesma nostalxia que lle provoca ver como esmorece o mundo rural ao que dedicou a súa vida.

Elixiu o 29 de febreiro para a súa despedida polo significado da data, pouco frecuente ao ser un ano bisesto e porque tomou posesión un 29, pero de setembro de 1964, como crego en Vilabade e Vilalle. Manuel Varela pecha unha vocación á que chegou polo seu afán de coñecemento, pero tamén por descarte. O seu pai quería dar estudos a un dos seus fillos e que o outro se encargase da explotación familiar. "Tiñamos poucos recursos, pero a min gustábame máis estudar que ao meu irmán. O meu pai déume a elixir entre mestre e cura, pero aconselloume ir ao seminario porque era máis barato. Era labrego e camiñeiro e grazas a este segundo traballo eu puiden estudar", conta.

Varela Gorgoso deixa atrás unha intensa vida sacerdotal e de activista social. Destinárono a Castroverde despois de pasar cinco anos en parroquias de Navia e A Pobra do Brollón. Naqueles anos 60 atopou un Castroverde totalmente distinto ao actual. O seu Seat 600 era un taxi para os veciños. "Como tiña un dos poucos coches, e un dos escasos teléfonos, era habitual que me chamase algún veciño para que levase a súa nai ao hospital ou para calquera outra necesidade", lembra.

ACTIVISMO. As pistas e as traídas de auga eran un luxo nas parroquias. Aí naceu a súa teima en promover a implicación veciñal para executar obras comunitarias, que foi moi frutífera nos anos 70. «En Vilabade chegamos a facer once obras en dous anos», subliña.

Foi unha etapa moi intensa, "a máis feliz" da súa vida, co único obxectivo de "facer o ben polo ben". A xente amosábase agradecida, pero el tamén o estaba. "Enchíame esa entrega aos demais. Paseino de marabilla botándolle unha man aos veciños", explica.

Naquela etapa acaeceron cousas impensables, como a presenza de xogadores da selección española de baloncesto na praza anexa á igrexa de Vilabade. Emiliano, Buscató e Luyk non tiraron a canastra pero presenciaron un partido entre equipos do Instituto Masculino de Lugo, o actual Lucus Augusti, e dos Maristas.

Eran tempos nos que tamén comezou coa súa eterna loita pola restauración da igrexa de Vilabade, a "catedral" de Castroverde. En 1979, coa axuda de Xosé Trapero Pardo, que foi director de El Progreso e a quen fascinaba o admirable retablo do templo, logrou a súa declaración como monumento histórico-artístico. Era o camiño para obter subvencións. Así se acometeron constantes melloras. A súa última batalla, que queda pendente, é a restauración dos frescos, moi afectados pola humidade. O proxecto xa está redactado, pero aínda non conta con financiamento.

Como o perexil de todas as salsas, Manuel Varela fundou a asociación cultural Espalladoira, en 1984. Este colectivo impulsou un festival folk que acadou fama en toda Galicia. Era un certame dirixido a grupos novos, no que participaron Eoas de Sarria ou Xistra, o grupo creado polo viveirés Daniel Caxete. Foron nove edicións organizadas con poucos recursos e grazas á colaboración desinteresada da xente.

A defensa do idioma galego foi outra das súas preocupacións. Xa no seminario sumou algún suspenso por usalo, nun tempo no que estaba mal visto. Gústalle utilizalo en actos principais, como misas solemnes e funerais, pero cando hai xente que non o entende cambia o chip. "Un día entrou na igrexa un amigo meu de Málaga e cambiei ao castelán", precisa.

A igrexa de Vilabade está ao pé do Camiño Primitivo e, como non podía ser doutro xeito, o seu crego sumouse aos pioneiros na promoción desa variante da ruta xacobea nos anos 80. Eran xente de Asturias, A Fonsagrada e Castroverde que poñían carteis para sinalar a ruta.

Varela Gorgoso tampouco foi alleo ás inquedanzas políticas da bulliciosa Transición. Sentiuse atraído pola figura de Enrique Tierno Galván, líder do Partido Socialista Popular, e tratou a lucenses vencellados a este partido, como o desaparecido Xesús Vilela, Vázquez Calvo, Pablo Yáñez ou un xuvenil Pepe Blanco. Os do PSP pedíronlle un día que participase nun mitin, pero respostou que o seu era dar charlas sobre valores. Tivo ofrecementos para encabezar candidaturas locais do PSOE e do BNG, pero nunca se lle pasou pola cabeza tal opción. O médico e exalcalde castroverdés David González García, xa falecido, retiroulle o saúdo. A súa actitude intrigou ao crego, quen lle preguntou que lle pasaba. "Sei que te vas presentar. Como me fas esto", díxolle o rexedor, algo que lle negou con rotundidade Manuel Varela. "As miñas obrigas eran cos meus fregueses", destaca este home ao que sempre lle gustou ser libre e un pouco rebelde, «pois é un xeito de manterte vivo». A súa máxima é "facer o que cres, esas cousas das que estás convencido, consciente de que nalgúns sitios aplaudirán e noutros asubiarán", afirma.

Manuel Varela recibe este venres ao seu substituto e a persoal do Bispado de Lugo. Quere que sexa unha despedida en silencio das súas dez parroquias, entre elas a capital municipal, tres capelas e cinco confrarías. Pero a bo seguro que, máis tarde ou máis cedo, os veciños tamén lle darán o adeus que merece.

→ Presente e futuro Manuel Varela Gorgoso, natural da parroquia de Santa Cruz da Retorta, en Guntín, virá a Lugo despois do seu retiro. Pensa dedicar o seu tempo libre ao exercicio físico e a asistencia a actos culturais e musicais.
→ Home de diálogo Este crego recoñece que co paso do tempo foise perdendo a capacidade retórica no ámbito político e social, pero a el preocúpalle máis a falta de diálogo. «Nunca fun amigo de arengar desde o altar. Gústame máis o coloquio».
→ Actividades Varela estivo vencellado á asociación cultural Espalladoira desde a súa creación e nos seus grandes momentos, cando contaba con 200 socios, ata a actualidade, na que atravesa momentos máis baixos. Agora deulle o relevo á fronte do colectivo a Jesús García Juanes. Outras das súas grandes afeccións son o fútbol e o mar.
→ Docencia Durante 15 anos, Manuel Varela foi profesor de Relixión no instituto Ánxel Fole de Lugo. Ademais de crego, tamén é grad

Comentarios