Abel Quiroga lembra as primeiras mans que o saudaron ao chegar a Tórdea e Espasande hai 40 anos. Era o novo cura, non había moito que se ordenara aínda que xa lle dera tempo a pasar por outras parroquias entre Melide e Palas, pero foi nas terras de Castroverde onde forxou experiencia e atopou, máis que fregueses, amigos. Deles se despediu onte como párroco pero non como confidente.
Ao longo de catro décadas teceu lazos irrompibles nas parroquias que atendeu —primeiro Tórdea, Espasande e Goi, e logo Santa María do Monte e Recesende—, porque Abel sabía ben cal era o seu obxectivo: "Eu o que quería era facer comunidade". E logrouno.
Os veciños lembran como traballou pola cultura e polo patrimonio, e tamén polas cousas sinxelas: comidas, mallas e unha exaltación do traxe galego que lle valeu un premio por ir "vestido de cura, pero de cura dos de antes, con sotana e anel", conta o sacerdote nado en Hermunde, en Pol. Fixo unión tamén coas visitas a enfermos, seguindo así a pegada que nel deixou a imaxe de Xesús: "Quedei fascinado pola súa personalidade, de estar sempre co máis necesitado, e iso foi o que guiou a miña traxectoria", explica.
Unha traxectoria que labrou en galego, no "idioma do pobo" porque "non tería sentido dar a misa en castelán nunha aldea que fala en galego", e unha elección que tomou con tempo, "o máis libremente que puiden". Por iso di que se ordenou tarde, alá polo remate dos anos 70, non sen antes experimentar a vida de profesor de Filosofía, que exerceu en Melide ou no Ánxel Fole de Lugo.
Este domingo ofreceu a súa última misa, na que non faltaron a música e as bágoas, ante unhas 200 persoas que agradeceron tantos anos de servizo. Como mostra, un sinfín de apertas e agasallos para que Abel comece a desfrutar do seu descanso: unha caricatura de Eduardo Carreira, unha árbore da vida, viños e un vale por unha viaxe, aínda que cando se lle pregunta a que vai adicar a xubilación limítase a dicir: "A pasear, a ver amigos, a vivir".