A espiral da cestería chegou a Caborrecelle

A artesá Lola Tourón, que durante dúas décadas percorreu o país para transmitir este oficio, cumpre un ano asentada en Portomarín, onde imparte cursos na antiga escola da aldea
Obradoiro de cestería. LOLA TOURÓN
photo_camera Obradoiro de cestería. LOLA TOURÓN

Dende hai un ano, Caborrecelle ten unha nova vida. Xa foron moitas as persoas que alí se achegaron atraídas por Lola Tourón, a cesteira da Montaña que se estableceu nesta aldea de Portomarín. A ela, a técnica que máis lle gusta é a de colmo con palla e cortiza de silva, "que se practica dende o Paleolítico", di. Unha técnica que tamén a fascina por ser en espiral, por esa forma tan presente na natureza que semella definir os movementos da vida. E é que, se dende o 2003 Lola viaxou a moitos lugares para transmitir o seu saber de cesteira, agora asentouse neste lugar para que sexan os demais os que se acheguen.

Lola indica que esta técnica de colmo que tanto lle gusta está en perigo de extinción, por un laborioso traballo hoxe en día non traducido en prezos xustos. Esa transmisión xeracional de saberes tan antigos alenta a súa práctica e o seu oficio. Ela quedou prendida del a finais dos anos 90, e foi de aldea en aldea recollendo técnicas que tamén estaban no límite da desaparición. Antonio de Nande, de Samos, ou as veciñas de Piornedo ou de Cabana de Bergantiños foron algunhas das súas mestras. Mestras, porque a meirande parte das mans que trenzaron o xunco ou o vimbio como para manter prendido o mundo foron de mulleres, coma hoxe a súa presenza segue a ser maioritaria nos cursos. Este mesmo sábado celebra un de cestería de colmo. Para apuntarse, ou para solicitar máis información doutros talleres, é posible escribir a [email protected].

O lugar tamén aporta os materiais, a folla de millo, a agulla de piñeiro, o xunco, o salgueiro ou a palla silvestre, entre ducias de variedades que se poden atopar nunha camiñada. Iso non hai formación dixital que o substitúa. "Isto non é só unha técnica, é un amor", indica. "A cestería ten moito de terapéutico, porque no grupo ábrese un espazo de escoita", conta. "E é algo que nos dá moita información de nós, da nosa cultura, porque é o oficio máis antigo", engade.

A través da asoaciación As Espigadoras organiza cursos doutros oficios que poden pagarse con xiríns, a moeda do Banco de Tempo

Porén, en Caborrecelle caben moitos outros oficios. "Queremos cubrir todo o proceso da lá, xa fixemos un obradoiro de tintado, pero seguiremos con fiado, lavado, cardado...", conta ela, que lembra vivir todo ese camiño na súa aldea natal da Carqueixada, nas Terras de Lóuzara.

De lá, precisamente, ten en marcha outro obradoiro de calceta con cinco agullas que tivo as primeiras sesións os días 4 e 11 e continuará o 18 e 25 de novembro. A olería, o papel, o tratamento das sementes ou o cultivo de shiitake xa tiveron lugar na aldea, da man da asociación que Lola impulsou canda a Lucía Medina, As Espigadoras. "É normal que nun taller se fale de cousas que se quere aprender, e o que facemos é organizalas", indica.

Os obradoiros de Caborrecelle, que se están a celebrar no teleclube e antiga escola, cedida pola xunta veciñal, teñen sempre prezos asequibles, pero ademais pódense pagar con xiríns, a moeda do Banco de Tempo de Lugo. A cartelería das actividades ou unha man para acondicionar un espazo son algúns deses trocos en xiríns.

En sabedoría espiral, Lola Tourón sempre buscou aprender para transmitir, como tamén procurou unha casa para abrila. Para cultivar a súa horta e prantas medicinais, pero tamén para facer un bosque comestible, como o que está preparando para a futura escola de verán.

Dez anos estivera buscando ese lugar, porque, en contra do que moitas veces se di "non é nada doado atopar casa no rural". Por fin, a casa chegou, en Caborrecelle, onde agora, nos minguantes de novembro, decembro e xaneiro recóllese a silva para retirarlle os pinchos, abrir as cinco caras que ten e quitarlle o miolo e deixala lista para todo o ano. Para cesteala en espiral. Nunha espiral que ten a Lola no centro.

Comentarios