Huevos de la abuela: a empresa dos ovos de ouro

Esta compañía familiar fundada hai trinta anos e con sede en Palas de Rei parece non tocar teito: o pasado xullo recibiu o selo Galicia Calidade, un dos máis altos recoñecementos para unha firma que leva a defensa do benestar animal por bandeira
G
photo_camera Manuel Casal (segundo pola esquerda) e os seus fillos, na sede de Palas. SEBAS SENANDE

DESDE OS seus inicios, a empresa palense Huevo de la Abuela sempre buscou aproveitar ao máximo as posibilidades dos ovos, transformando un alimento básico e tradicional en algo único. A clave, explica o seu fundador, Manuel Casal, está "no coidado que lle damos aos animais e que devolven cun produto de gran calidade", levándoos a conseguir a certificación de garantía Galicia Calidade o pasado mes de xullo.

Cando Casal arrancou o negocio, contaba cunha explotación de 1.000 galiñas e traballaba para outras empresas do sector. Trinta anos despois e coa incorporación da segunda xeración familiar, os pasos que ata entón eran sólidos e pequenos convertéronse en zancadas. "A día de hoxe contamos con 180.000 aves en liberdade e todos os nosos centros de produción son propios. Non temos integracións", explica.

A aposta da familia Casal por levar o produto a outro nivel traduciuse na creación dun dos centros de clasificación máis modernos do sector do ovo campeiro. "As nosas instalacións contan coa mellor tecnoloxía. A nosa prioridade é garantir a máxima calidade ao consumidor", destaca o fundador.

A constante innovación foi, segundo Casal, necesaria e clave para medrar: "Actualmente producimos 3,5 millóns de ducias de ovo ao ano. Estamos moi contentos cos resultados acadados". Unha paixón á que adicaron tres millóns e medio de euros nos últimos anos e para a que contan cun equipo de 15 persoas.

O negocio dos Casal vende 3,5 millóns de ducias de ovos ao ano e prevé duplicar a produción nos próximos dous anos

"Estamos moi comprometidos coa conciliación laboral, queremos que os nosos traballadores se sintan cómodos con nós. En realidade, somos como unha gran familia", explica o fundador.

Unha filosofía de traballo que tamén se reflicte no coidado das aves, contando coa certificación Welfair de benestar animal. "A alimentación das nosas aves baséase no millo nun 60% e teñen acceso continuo ao campo. Mimamos moito as nosas galiñas e elas devólvennos un bo produto", destaca Casal.

O respecto ao medio ambiente é outra das prioridades da empresa, erixíndose como pioneira no sector avícola campeiro no emprego de enerxías renovables. "Expandirnos en terreos próximos é esencial para nós", explica, "o noso obxectivo é conseguir a pegada de carbono cero".

A dedicación de todo o plantel de Huevo de la Abuela ao longo dos últimos trinta anos tivo a súa maior recompensa o pasado mes de xullo coa consecución da certificación Galicia Calidade. "Aínda que é algo recente, o selo aportounos un plus de recoñecemento. Permite que se nos abran moitas portas", sinala Casal.

Expansión. A empresa con sede en Palas de Rei está atravesando o seu mellor momento. Ao recoñecemento por parte da marca paraugas da economía galega, súmase un investimento de entre 4 e 5 millóns de euros coa que duplicarán a súa produción.

Preguntados polos desafíos no futuro máis inmediato, os Casal afirman que queren incrementar a súa presenza nas "grandes áreas de cercanía", o único recuncho que polo momento se lles resiste. "É certo que estamos presentes en Carrefour Galicia e en negocios de hostalaría, pero queremos ampliar os horizontes", sentencian.

Comentarios