Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Unha emotiva viaxe polo rural de antano

Un dos momentos das representacións teatrais en Palas de Rei. J. VÁZQUEZ
Un dos momentos das representacións teatrais en Palas de Rei. J. VÁZQUEZ

A oitava edición do Son d´Aldea transportou cinco núcleos palenses décadas atrás no temp

Palas de Rei volveu viaxar onte no tempo. As aldeas de Albá, Gontá, Gundiá, Vilafofe e Santo Xusto retrocederon décadas atrás e transportaron os visitantes, que se impregnaron de momentos cheos de nostalxia. A oitava edición do Son d´Aldea conseguiu deixar a flor de pel as emocións revivindo o rural da época da posguerra.

Os veciños volveron converterse por un día en actores e, ataviados con traxes da época, representaron xunto a outros intérpretes afeccionados unha decena de escenas. Os preto de 500 visitantes chegados de toda a xeografía galega realizaron un percorrido por todos os núcleos a través dun roteiro que os ía levando por cada mostra, cuxo escenario era a propia natureza.

Veciños e actores afeccionados escenificaron pezas do día a día, que causaron nostalxia e as bágoas de moitos

Recordaron a dor de deixar partir un ser querido no auxe da emigración, recrearon o día a día nas aldeas con actos cotiáns como ir lavar á fonte ou atender os animais e fíxose unha radiografía de como eran as comunicacións daquela. "Tapábannos a boca cos fusiles e só nos enterabamos de algo se viñan familiares de fóra", explicábase nunha obra.

Os actores escenificaron como as cartas eran o principal medio de comunicación cos familiares emigrados, ao tempo que se deixaba ver que naquel tempo nas aldeas vivíase nunha burbulla. Radio Pirenaica era un dos poucos medios aos que os veciños podían acceder deseñando eles mesmos o sistema, pero sempre "a escondidas", por ser un sistema "de propaganda comunista".

Fíxose, ademais, unha homenaxe a Secundino, un veciño de Albá "do bando dos roxos" que foi perseguido. Recreouse tamén á perfección como a chegada do teléfono foi un gran adianto, aínda que moi poucos podían usalo dado o seu elevado custo. Entre acto e acto había pequenas transicións cheas de música e cantigas populares e todas as mostras confluíron nunha carballeira coa representación dunha Santa Misión, coa que se pretendía recristianizar ás clases populares trala Guerra Civil.

A ESENCIA DO RURAL. "Rescataron a esencia do rural e lograron despertar sentimentos da nosa infancia. É algo marabilloso", sinalaba un asistente chegado da Coruña.

A xente amosábase entusiasmada coas pezas e algúns deixaron escapar algunha bágoa recordando vellos tempos. "A simbiose coa natureza, o coidado que está todo e a implicación dos veciños por recuperar a memoria do día a día é impresionante", engadía outra participante de Santiago, que, como moita outra xente, repetía experiencia.

Tralas representacións celebrouse unha comida de confraternidade, que deu paso a una mostra de oficios tradicionais, artesanía e xogos populares. Presentouse tamén a primeira edición do libro ‘Alento animal’, que recolle os diálogos e imaxes da edición do pasado ano. Unha animada romería puxo o punto e final á xornada.

A oitava edición de Son d´Aldea conseguiu novamente os seus obxectivos: "Poñer en valor o patrimonio, dar voz á xente que nun tempo foi silenciada, recuperar expresións perdidas do galego e, sobre todo, loitar por que as aldeas revivan", según sintentizaba Afonso García, un dos organizadores do evento.
 

Unha emotiva viaxe polo rural de antano
Comentarios