Elena Candia e Josefa Baamonde cortarán a cinta que abre a Feira do Queixo de Friol

A vicepresidenta do Parlamento e a gandeira de Condes serán protagonistas "polo seu pulo ao sector primario"
Elena Candia y Josefa Baamonde. EP
photo_camera Elena Candia y Josefa Baamonde. EP

A vicepresidenta do Parlamento galego Elena Candia e a queixeira Josefa Baamonde serán as encargadas do tradicional corte da cinta da Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá, que converterá este domingo o municipio na capital galega da gastronomía.

Como vén sendo xa tradicional, o corte da cinta recae na man dalgún dos panadeiros ou queixeiras da zona, e outra autoridade.

Dende o Concello de Friol destacan o compromiso de Elena Candia co sector primario, particularmente co sector lácteo, así como co pequeno comercio e os produtos de proximidade. "Tamén cómpre destacar a súa posta en marcha dun programa para fomentar entre os máis novos o relevo xeracional no sector primario", indica o rexedor local, José Ángel Santos.

Por outro lado, o alcalde destaca que Josefa Baamonde, veciña da parroquia de Condes, é titular dunha gandería de bovino adicada á produción de leite e de carne. "Ademais, tamén saca tempo para transformar o leite das súas vacas en espectaculares queixos, cos que leva asistindo dende hai dez anos á feira", comenta Santos. Os seus queixos, en opinión do rexedor, destacan por seren suaves, de codia fina e interior cremoso. "É dicir, trátase do típico queixo tradicional de Friol", engade.

As dúas protagonistas da xornada de apertura cortarán a cinta nunha vixésimo novena edición marcada pola estrea da denominación da feira como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Os actos comezarán ás 9.30 horas, coa tirada de foguetes. Ás 10.00 horas procederase á asignación dos postos e unha hora máis tarde terá lugar a apertura da feira, onde se poderá degustar e adquirir o queixo característico desta zona, incluído dentro da denominación Arzúa-Ulloa e realizado enteiramente con leite de vaca, e tamén o pan.

A feira estará amenizada durante toda a mañá co pasarrúas a cargo da charanga Xesta Verde de Friol e cos cantos de taberna de Son Outeiro. Pola tarde, ás 19.00 horas, haberá un concerto de Tanto Nos Ten, e ás 22.30 unha verbena animada por París de Noia.

Comentarios