A eficiencia vive na madeira

O conselleiro de Economía destacou que esta vivenda, construída pola empresa lucense Maderas Besteiro en Outeiro de Rei, "é un claro exemplo de sustentabilidade e coidado"
A primeira vivenda de madeira eficiente da provincia está en Mosteiro, Outeiro de Rei. XESÚS PONTE
photo_camera A primeira vivenda de madeira eficiente da provincia está en Mosteiro, Outeiro de Rei. XESÚS PONTE

O director técnico da empresa lucense Maderas Besteiro, Adolfo Montero, acaba de construír a súa propia vivenda passivhaus en Outeiro de Rei. Aínda que o concepto poda semellar innovador, o material co que esta casa está construída non o é en absoluto, xa que é unha vivenda edificada en madeira. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, visitou este martes esta casa, que aspira a ter o certificado "passivehaus" a próxima fin de semana o que garantiza o seu alto nivel de eficiencia e sustentabilidade.

Adolfo acondicionou a súa casa familiar con madeira contralaminada de Austria, que respecta o medioambiente e favorece a eficiencia enerxética dun espazo total de 170 metros cadrados construidos e 140 útiles. “O concepto de "passivehaus" baséase en ter unhas perdas enerxéticas moi baixas e en ter grandes illamentos sen perdas de infiltración. Non entra aire de fóra, senón que entra por onde nós queremos”, explicou o director técnico de Maderas Besteiro e propietario desta casa, na que decidiu mesturar a súa vida persoal e laboral.

“Non é moito máis cara que unha vivenda convencional. Eu penso que non é un problema de diñeiro, senón de concepto. Podemos falar dun 7 ou un 10% máis cara, amortizable claramente cando chegue a factura da calefacción que será practicamente inexistente”, di o seu dono, que considera que non hai máis cantidade de edificacións de madeira en Galicia pola falta de “coñecemento do fucionamento destes espazos”. “O prezo ao final é similar ao dunha casa convencional”, explica.

Conde sostivo que esta aposta supón “un salto cualitativo, xa que permite xerar valor na cadea forestal a través de vivendas eficientes” e subliñou que promover a edificación en madeira é unha oportunidade tanto para a industria forestal como para o sector da construción ao utilizar un recurso autóctono. “Esta vivenda é un claro exemplo de eficiencia e de coidado medioambiental”, afirmou.

Actualmente, este tipo de construcións en madeira son habituais noutros países de Europa, polo que Maderas Besteiro apostou por traer este concepto a Galicia. “Vimos que era unha cousa que se estaba a facer en outros países e que aquí non tiña moita presencia. Collendo ese coñecemento, e que personalmente quería facerme unha casa, non o dubidamos. Vimos que se podía facer un deseño arquitectónico contemporáneo apostando polo último que vén de Europa”, sostén Adolfo, que levou a cabo un gran proceso de investigación. “Quero montar tamén unha horta e ter galiñas no espazo que rodea á vivenda”, declara o director técnico, que ten pensado crear unha zona verde arredor.

A casa só precisa uns pequenos retoques para estar completamente habitable. Mentres tanto, a empresa lucense busca novos usos da madeira ligada á construción. “Cada vez hai máis vivendas como esta, pero é imprescindible contratar un equipo que saiba moi ben como traballar a madeira”, manifestou Adolfo. Esta empresa familiar de terceira xeración é pioneira no proxecto grazas ao impulso da innovación e ao seu esforzo por dar resposta ás novas demandas do mercado.

Para promover este tipo de iniciativas, a Xunta de Galicia mantén aberta a convocatoria de axudas Emprega Madeira, un plan dirixido a particulares, autónomos e empresas para a construción ou rehabilitación de vivendas, naves ou locais comerciais para a fabricación de envases, embalaxe e expositores, así como para a redacción de proxectos en madeira. “Seguiremos traballando para que Galicia se posicione e marque a diferencia a través dun recurso autóctono e afrontar, deste xeito, os retos de futuro en materia de sustentabilidade”, asegurou o conselleiro. O obxectivo é fomentar o uso da madeira e conseguir unha Galicia máis verde.

Comentarios