Unha ducia de ilusionistas participan no Festival Internacional de Maxia Conde de Waldemar, que esta fin de semana se estrea por todo o alto en Portomarín dentro do programa Portomariñeando, sufragado con fondos Next Generation a través de Agadic.
Así, o festival que honra a Manuel Rodríguez Saa, que do seu Bagude natal levou a maxia por medio planeta baixo o nome de conde de Waldemar, contará con ilusionistas de primeiro nivel como Nacho Samena, David Maestro, Fernando Moreno, Román García, Javi Benítez, Bruno Tarnecci, Mago Paco, Dani Polo, Kiko Pastur, Joshua Kenneth, David Méndez e Cayetano Lledó, ademais do propio Marcos Waldemar, descendente do conde.
O programa arrancará o venres, día 24, pola mañá no Ceip Virxe da Luz e seguirá ás 19.00 no Pazo de Paredes, coa inauguración da sala de lectura infantil e xuvenil que leva o nome do ilustre portomariñense e a apertura oficial do festival.
Xa o sábado, as actividades comezarán ás 11.00 polos albergues da vila e pasarán ao Pazo de Paredes ás 17.00, coa Gala Magos de Galicia. Ás 20.00 será escenario da Gala de Maxia de Preto e á medianoite haberá a Gala de Maxia Clandestina no restaurante O Mirador.
Para pechar esta primeira edición, o domingo ás 11.00 serán os obradoiros de maxia na casa da cultura —inscricións no WhatsApp 690.18.97.16—, ás 12.00, unha conferencia para magos; ás 12.30, un show de maxia infantil e ás 20.00, a Gran Gala Final na Praza do Camiño. Todas as actuacións serán de balde ata completar aforo.
- 11.00 horas. Ceip Virxe da Luz. Nacho Samena e Marcos Waldemar.
- 19.00 horas. Pazo de Paredes. Inauguración da sala de lectura Conde de Waldemar e apertura do festival.
Sábado 25
- 11.00 horas. Albergues. Marcos Waldemar, Nacho Samena, David Maestro e Fernando Moreno.
- 17.00 horas. Pazo de Paredes. David Maestro, Nacho Samena e Román García, na Gala Magos de Galicia.
- 20.00 horas. Pazo de Paredes. Javi Benítez, Bruno Tarnecci, Román García e Marcos Waldemar, na Gala de Maxia de Preto.
- Medianoite. Restaurante O Mirador. Gala de Maxia Clandestina.
Domingo 26
- 11.00 horas. Casa da cultura. Fernando Moreno imparte os obradoiros de maxia.
- 12.00 horas. Pazo de Paredes. Javi Benítez dá unha conferencia para magos.
- 12.30 horas. Casa da cultura. O Mago Paco ofrece un show de maxia infantil.
- 20.00 horas. Praza do Camiño. Bruno Tarnecci, Dani Polo, Kiko Pastur, Joshua Kenneth, David Méndez e Cayetano Lledó forman parte do elenco da Gran Gala Final.