Diego As perfila o rostro de Hipatia de Alexandría no CPIP de Castroverde

O grafiteiro, premiado mundialmente, dá forma estes días nun dos muros do centro educativo á filósofa e matemática coa fin de reivindicar a igualdade das mulleres na ciencia
Diego As, fronte ao graffiti que esta semana realiza en Castroverde. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Diego As, fronte ao graffiti que esta semana realiza en Castroverde. VICTORIA RODRÍGUEZ

Non todos os días vai ao cole un grafiteiro premiado mundialmente. Diego As até asina autógrafos aos máis pequenos do CPIP de Castroverde. "Se lles fai ilusión, fago o que queiran", comenta, contento con ese público tan agradecido. O traballo de grafiteiro é solitario, pero os pequenos non teñen medo en interromper para preguntar moitas cousas. Tampouco os xornalistas, que estes días non paran de chamar ao teléfono.

"Estou moi agradecido de todo o que está pasando", conta con esa calma que o caracteriza. Porén, o tempo ábrese rapidamente nun dos muros do colexio. Decatámonos de que nese anaco que pasamos alí, a imaxe avanza rapidamente. O rostro da científica Hipatia de Alexandría vaise fixando de perfil, mirando o horizonte dun universo que ela viu moito máis lonxano que o seu tempo. A iniciativa de render homenaxe a esta figura foi da directora e profesora de matemáticas, Ana María Pérez Veiga. "O feminismo é un sinal de identidade do noso centro, e traballamos moito no eido das nenas na ciencia, pois aínda existe un teito de cristal para as mulleres neste ámbito", conta.

Ana María Pérez Veiga, directora do CPIP Castroverde. VICTORIA RODRÍGUEZ
Ana María Pérez Veiga, directora do CPIP Castroverde. VICTORIA RODRÍGUEZ

Por iso é que xa hai máis dun ano se puxera en contacto con Diego As, admirada do seu traballo. Logo de buscar financiamento en distintos lugares, e conseguilo no Concello de Castroverde, por fin o muro do cole estase abrindo coma unha ventá.

Diego As sube e baixa na grúa, colle un e outro spray, móstranos as cuadrículas necesarias para acometer traballos desta dimensións. Cada media hora baixa para ver como avanza a obra de lonxe. Na provincia ten varias intervencións en coles de Chantada e de Rábade, pero esta é a de maior dimensión, tamén pola retratada.

Hipatia de Alexandría foi unha brillante filósofa e matemática da escola neoplatónica da cidade do norte de Exipto entre os séculos IV e V. Ana Pérez destaca, como algunha das súas contribucións, o perfeccionamento dos astrolabios ou das ecuacións diofánticas. Pero, sobre todo, chama a atención sobre a tolerancia que lle deu fama, admitindo nas súas aulas alumnos de moitas relixións distintas, e tamén o seu compromiso co coñecemento, que defendeu ata as últimas consecuencias e, coma en tantos casos na historia, custoulle a vida. O día 8 de marzo celebrarase un acto aberto diante do graffiti e co Concello ao que o centro agradece o apoio. "A fin de contas, isto é para todo o pobo", comentou.

Comentarios