As demostracións de rapa e pastoreo, protagonistas na carballeira de Gomeán

Centos de persoas achegáronse ata a parroquia corguesa para participar na segunda Feira do Ano, promovida por O Salgueiriño
Demostración da rapa de ovellas, este domingo en Gomeán. XESÚS PONTE
photo_camera Demostración da rapa de ovellas, este domingo en Gomeán. XESÚS PONTE

Exhibicións de animais de razas autóctonas, demostracións de oficios tradicionais, gastronomía, música... Os reclamos para achegarse este domingo a Gomeán, no Corgo, para participar na súa segunda Feira do Ano eran moitos e moi atractivos, e a xente respondeu a ese amplo programa de actividades preparado pola asociación veciñal O Salgueiriño, superando as mellores expectativas.

Cando o ano pasado esta celebración botou a andar, o obxectivo dos seus promotores era recuperar a tradición feira desta parroquia, e esta segunda edición demostrou que o esforzo dos organizadores mereceu a pena.

O presidente de O Salgueiriño, Roberto Besteiro, salientaba este domingo, moi satisfeito pola acollida a esta convocatoria, que chegou a superarse o millar de asistentes, que gozaron das distintas propostas lúdicas.

Entre as actividades máis seguidas estiveron senllas demostracións de rapa de gando ovino e de pastoreo de gando extensivo con cans da raza Border Collie. Tamén foi un éxito a degustación de porco celta, con colas "de ata media hora" para probar a carne desta especie autóctona, segundo resaltou Besteiro.

Tamén suscitou moito interese a demostración do proceso artesanal do liño, a cargo da Asociación de Mulleres Rurais de Insua, que se completou con exhibicións de torneiros, cesteiras e o último silleiro de Tórdea, o castroverdés Luis de Xan. Non faltou a presenza de MUVICLA, a Colección Museográfica Viva e Integrada do Campo e a Locomoción que ten a súa sede en Láncara. O seu director, Marcos Vázquez, valorou moi positivamente a participación no evento, ao que achegou un total de catro tractores.

A Feira do Ano de Gomeán serviu ademais para que veciños da zona comercializasen produtos cárnicos e de horta.

O Salgueiriño sacou adiante todas estas actividades coa colaboración de Concello e Deputación. Encabezaron a representación destas institucións o alcalde, Felipe Labrada, e o deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, quen destacou que esta feira é un exemplo de que "o rural non está baleiro, senón que está cheo de ideas e de iniciativas" que as administracións públicas teñen que apoiar.

Comentarios